Establecer unha liña de bus ao HULA, principal proposta dos veciños de Albeiros na xuntanza do Móvete por Lugo

A Alcaldesa mantivo este mércores unha reunión no colexio deste barrio, a onde se achegaron unha trintena de persoas para colaborar no deseño das novas rutas do transporte público de viaxeiros

Todos os interesados poden enviar as súas suxestións a través de moveteporlugo@concellodelugo.orgwww.lugo.gal ou no 010

Mércores, 01 de xuño de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Establecer unha liña de bus ao HULA, principal proposta dos veciños de Albeiros na xuntanza do Móvete por Lugo

Unha trintena de veciños e veciñas déronse cita este mércores no colexio de Albeiros, onde tivo lugar unha xuntanza aberta da Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, coa veciñanza de cara a recoller as propostas da cidadanía e deseñar o novo mapa de liñas de bus urbano, aproveitando a nova concesión deste servizo.

As propostas e opinións dos asistentes xiraron ao redor de establecer unha liña de bus ao Hospital Universitario Lucus Augusti, así como de designar máis paradas no actual recorrido da liña 2 que pasa polo barrio e mellorar a puntualide. A preguntas dos asistentes, a rexedora avanzou que se traballa na mellora da información tanto nas  paradas, como nos propios autobuses ou a través dunha aplicación móbil. Numerosas persoas interviron neste encontro, no que tamén transmitiron os seus parabéns á Alcaldesa por achegarse ao barrio con esta iniciativa participativa.

Este é o duodécimo encontro que mantén a Alcaldesa cos veciños, tras celebrar xuntas en Abella, Milagrosa, Residencia, Sagrado Corazón, Fontiñas, Fingoi, Piringalla, A Ponte, Ceao, As Gándaras e Esperante. En base ao manifestado polos lucenses nestas xuntanzas, e tras estudar a viabilidade das propostas, o Concello porá en marcha o novo servizo do transporte público de viaxeiros, o máis barato de Galicia e un dos máis baratos de España.

Ademais destas xuntanzas, o Concello ten abertas outras tres vías de participación: online, no enderezo electrónico moveteporlugo@concellodelugo.org ou www.lugo.gal, e a través do Servizo de Atención Cidadá 010.

Noticias relacionadas