Esta fin de semana terá lugar o VII Rali Cidade de Lugo de Coches Antigos e Clásicos

Mércores, 21 de abril de 2010
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concelleiro de Deportes, José Manuel Díaz Grandío, e Graham Green e Carlos Somoza, membros da Asociación Lucense de Coches Antigos e Clásicos, presentaron o VII Rali Cidade de Lugo que se celebrará o vindeiro sábado 24 de abril a partir das 10:00 horas.

Esta proba, que se celebra por sétimo ano consecutivo, desenvolverase ao longo da xornada por estradas de Lugo, Castro Riberas de Lea, Viveiro, Ferreira e Mondoñedo.

A carreira convocará na cidade a mútiples coches antigos, algúns tan míticos como o Porsche Carrera 911, o Lancia Fulvia, o Jaguar XK140, ou os clásicos Mercedes, o Mini ou o Renault 8 que farán as delicias dos lucenses que se acheguen a saída para contemplar a súa beleza, algúns considerados auténticas xoias do coleccionismo de automóbiles.

Este ano cóntase xa con 50 coches inscritos para participar nesta carreira na que os pilotos deberán amosar as súas habilidades e a destreza na condución nun percorrido de 300 quilómetros. O trazado da proba será entregado aos participantes ao comezo da carreira para evitar adestramentos previos.

Este rali non é unha proba de velocidade, senón que os participantes compiten por amosar as súas habilidades e destreza na condución, pois as velocidades medias rondan os 50 quilómetros por hora.

O Concelleiro destacou que "esta carreira estase a converter nun acontecemento deportivo plenamente afianzado e nun referente entre os afeccionados ao mundo do motor de Lugo e incluso de fóra".

A proba, que comezará ás 10:00 horas na praza Maior, está previsto que remate preto das 20:00 horas no mesmo lugar, no que os coches estarán aparcados ata as 21:30 horas para que todos os lucenses que o desexen podan achegarse a contemplar estas auténticas xoias do motor.

Horario estimado:
Praza Maior de Lugo 8:30 a 10:00
Saída Praza Maior de Lugo 10:30
Castro de Riberas de Lea 11:20
Viveiro 13:45
Ferreira 17:35
Mondoñedo 18:00
Praza Maior 20:15

Multimedia

Noticias relacionadas