Esta fin de semana Lugo contará con obradoiros de cabazas, contos de medo e procesións de ánimas pola Muralla para festexar a tradición celta do Samaín

Martes, 29 de outubro de 2013
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, presentou as actividades que se van celebrar con motivo do Samaín acompañada por representantes das tres asociacións castrexas da cidade, Lucia Ríos por Trebas Galaicas,  Nicolás López por Lugdunum e Sara Pérez por Tir Na Nog.

Carmen Basadre explicou que “se trata de recuperar unha festa que naceu co pobo castrexo e no que festexaban a fin do verán e o comezo do ano celta que vinculaban ao retornos dos mortos ao mundo dos vivos durante esa noite máxica”. Tamén destacou que “é unha boa maneira de que os nenos e nenas poidan aprender e divertirse con costumes que nunha época foron propias”.

O xoves 31 de outubro comezarán unha serie de actividades que terán lugar ao longo da fin de semana nas que haberá cabazas, conxuros, ritos nocturnos, e desfiles de ánimas tanto para os máis pequenos como para os maiores. Desta maneira, o 31 comezará cunha xincana mitolóxica coa que se pretende dar a coñecer algunhas das lendas tradicionais galegas e fomentar o coñecemento de seres mitolóxicos galegos. Así, dende as 17 horas haberá repartidos polo centro histórico diferentes personaxes que guiarán pequenas probas nas que os participantes poderán obter amuletos para gañar. Os grupos serán como mínimo de tres persoas en que contarán cun mapa da cidade onde aparecerán as personaxes e a orde na que os ten que ir atopando. O punto de encontro e inscrición será no Centro Convivencia Uxio Novoneyra.

Ademais támen haberá actividades para nenos e nenas na Praza Anxo Fernández Gómez cun taller de nabos e xogos a cargo da asociación Tir Na Nog. Ás 22.30 sairá un desfile de ánimas dende a praza da Soidade organizado por Lugdunum que tamén farán unha queimada e ás 00.00 haberá outra procesión de ánimas a cargo de TirNa Nog. O venres día 1 de novembro entre as 17.00 e as 21.00 horas Lugdunum organiza na praza da Soidade actividades para os máis pequenos como decoración de cabazas, debuxos castrexos ou pintura de caras. Os actos de celebración do Samaín rematan o sábado 2 de novembro dende ás 16.30 horas a asociación Trebas Galaicas desenvolverá diferentes actividades na praza do Campo Castelo en colaboración coa Asociación de Hosteleiros de Campo Castelo, entre as que haberá unha degustación de chocolate con churros, entre moitas outras actividades.

Multimedia

Noticias relacionadas