Esgótanse en dúas horas as entradas para o concerto de Ara Malikian co que se vai conmemorar o XIII aniversario da declaración da Muralla como Patrimonio Mundial

Mércores, 27 de novembro de 2013
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concellería de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, que dirixe Carmen Basadre, comunica que xa se esgotaron as entradas para o concerto que ofrecerá o recoñecido violinista Ara Malikian con motivo da celebración do XIII aniversario da declaración da Muralla romana de Lugo como Patrimonio Mundial pola UNESCO.

O reparto das invitacións para asistir ó concerto gratuíto de Ara Malikian Ensemble comezou hoxe, ás 11.00 horas, na Oficina Municipal de Turismo e foi tal a demanda que se esgotaron e só dúas horas, a pesar de que se estableceu o tope máximo de catro entradas que podía retirar cada persoa.

O concerto do famoso violinita titulado Colores terá lugar o vindeiro sábado, día 30 de novembro, ás 21.00 horas, no Auditorio Gustavo Freire.

Os nenos e nenas de Lugo terán outra oportunidade para disfrutar da música de Ara Malikian xa que para o domingo, día 1 de decembro, está programado un novo concerto gratuíto especial para o público infantil. Este espectáculo, no que fará un paseo polos Contos do Mundo, está especialmente adicado a nenos e nenas menores de 12 anos e terá lugar ás 12.00 horas na Caixa Negra do MIHL.

Ara Malikian é un dos máis brillantes e expresivos violinistas da súa xeración e posúe un estilo propio forxado a partir das súas orixes e das ricas vivencias musicais que conseguen unhas das voces máis orixinais e innovadores do panorama musical.

As dúas actuacións que ofrecerá en Lugo esta fin de semana enmárcanse na programación da Concellería de Cultura conmemorativa do XIII aniversario da declaración da nosa Muralla como Patrimonio Mundial.

Tamén para o día 30, entre as 17.00 e as 19.00 horas, está prevista outra actividade na que participan as 10 asociacións de romanos e castrexos e que se situarán nas diferentes portas da Muralla para, ademais de dar información sobre a historia da mesma, tamén proporán divertidas actividades para todas as idades. Ao finalizar, ás 19.00 horas haberá un desfile polo adarve da Muralla de Lugo.

Os actos conmemorativos organizados polo Concello xa comezaron o pasado sábado co concerto que ofreceu o grupo Los Gofiones no Auditorio Municipal Gustavo Freire.

Noticias relacionadas