A Escola Municipal Infantil cumpre unha década ao servizo dos lucenses

Martes, 13 de novembro de 2007
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Escola Municipal Infantil “Serra de Outes” cumpre unha década ao servizo dos lucenses desde a súa apertura no curso 1996-1997. Ao longo destes dez anos, preto de 400 nenos iniciaron a súa formación educativa neste centro. A escola arrincou a súa andanza cun coordinador, tres técnicos en puericultura e dous auxiliares de cociña e contaba con tres aulas cunha capacidade para 41 rapaces. Os pais dispoñían dos seus servizos gratuítos entre as 8:00 e as 18:30 horas.

A demanda social creou necesidades de espazo, polo que no curso 1997-1998 abríuse unha nova aula que ampliou a capacidade da escola a 56 nenos. Para atender aos pequenos, sumáronse ao persoal traballador dous novos técnicos en puericultura.

No ano 1998 modificouse o horario para facilitar aos pais a conciliación da vida laboral coa familiar e desde entón a gardería abre de 8 da mañá a 20:00 horas da tarde.

Ao longo dos cursos fóronse realizando obras de mantemento e reforma para adaptarse aos cambios nas normativas. Deste xeito, acondicionáronse espazos para aparcar os carros dos nenos, instalouse un equipo de seguridade, adaptáronse as instalacións ás necesidades de mobilidade das persoas con discapacidade e cubriuse o chan do patio con material acolchado e cambiáronse os berces de madeira por asientos de viaxe adaptados para ampliar as medidas de seguridade.

Durante estes dez anos servíronse preto de 315.000 comidas entre almorzos, xantares e merendas para os nenos elaboradas polas dúas responsables da cociña da escola.

No relativo á dirección desde a súa apertura contou cun coordinador e dúas directoras e na actualidade o persoal do centro é o seguinte: seis técnicos especializados en xardín de infancia, dúas cociñeiras, unha limpiadora e a directora.

A Escola Municipal Infantil é, segundo a lexislación vixente, un centro de atención á primeira infancia e cumpre unha dobre función educativa e asistencial, cunhas prestacións que tratan de ofrecer unha garantía de calidade e adaptarse ás novas necesidades de funcionamento.

Noticias relacionadas