A Escola Municipal de Música conta con novo material de traballo, valorado en máis de 7.000 euros

Manuel Núñez informou este martes da compra de afinadores e diversos adaptadores, así como novos instrumentos como unha gaita e unha tuba, entre outros

Estas melloras súmanse a outras realizadas recentemente, valoradas nuns 26.000 euros, como a adquisición de trombóns e un piano, así como unha taquilla, material didáctico e audiovisual ou o cambio de tubos fluorescentes por leds

Martes, 08 de novembro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concelleiro de Educación e Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, informou este martes da adquisición de novo material para a Escola Municipal de Música, que conta con máis de 700 alumnos e 1.000 matriculados, cunha lista de espera de 400 persoas. A entidade local fixo unha inversión de máis de 7.200 euros, que se suma á realizada no mes pasado duns 20.000 euros, nas que adquiriu instrumentos musicais, como trombóns e un piano, así como taquilla para gardar o material, en resposta ás peticións dos mestres deste servizo, co obxectivo de mellorar a impartición de novas especialidades musicais, como a posta en marcha dunha banda infantil e outra de iniciación ao piano.

Tal e como informou Núñez, o Concello comprou material de limpeza e mantemento, afinadores e diversos adaptadores, cun orzamento de 1.791,90 euros, así como novos instrumentos como unha gaita, por valor de 1.851,30 euros, e unha tuba, duns 3.550 euros. Deste xeito, o milleiro de alumnos matriculados xa poden facer uso destes novos equipamentos que a Escola Municipal de Música pon a súa disposición, co obxectivo de garantir a igualdade de oportunidades a todos os veciños e veciñas amantes da música.

Así mesmo, o Concello recentemente comprou diversos materiais didácticos e audiovisuais, como partituras, cd´s ou altofalantes, cun investimento de preto de 5.700 euros. Do mesmo xeito, cambiáronse os tubos fluorescentes por leds, para mellorar a calidade da luz reducindo o consumo enerxético.

No que se refire á Escola de Música, a Corporación Municipal amosou o seu apoio unánime á súa continuidade tras unha Sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, por tratarse dun servizo altamente demandado e de prestixio para a sociedade luguesa. Nesta liña, o Goberno estuda a presentación dun recurso de casación contra dita sentenza, así como, paralelamente, traballa na nova Relación de Postos de Traballo. Non en van, a entidade local, cuxa vontade é garantir tanto este servizo como o da Banda Municipal, continúa na súa liña de facilitar unha formación de calidade aos alumnos e alumnas actuais.

Audio

  • Manuel Núñez, sobre o novo material da Escola de Música|Descargar mp3

Noticias relacionadas