Entre o xoves 16 e luns 20 de abril a cidade de Lugo acolle o XXI Festival de Teatro Universitario da USC

Todas as actuacións de carácter gratuíto levaranse a cabo no Auditorio Gustavo Freire 

Mércores, 08 de abril de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo acolle o XXI Festival de Teatro Universitario da USC

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, acompañada polo  Deputado da Área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, Mario Outeiro Iglesias, a Vicerreitora de Servizos do Campus de Lugo, Carme Silva Domínguez, a Coordinadora da Aula de Teatro da USC no Campus de Lugo, Paloma Lugilde, e o Director do Grupo de Teatro da USC, Roberto Salgueiro, presentaron o XXI Festival de Teatro Universitario da USC-Lugo que se celebra na cidade entre os dias 16 e 20 de abril.

Carmen Basadre destacou que “o programa está formado por un total de 4 funcións de teatro e, repetindo a experiencia dos últimos anos, dedícase un día da programación á presentación de pequenos traballos de mozos e mozas galegos que están formándose en escolas de arte dramática doutras cidades, como Madrid”.

Esta nova edición do Festival celébrase entre os días 16 e 20 de abril, no Auditorio Gustavo Freire, e a entrada será gratuíta. Nesta ocasión o Festival contempla unha actividade complementaria o venres 17 e sábado 18 de abril con ensaios abertos da Compañía de teatro da USC-Lugo no seu proceso de montaxe no Auditorio Gustavo Freire.

A primeira das pezas represéntase o xoves 16 ás 20.30 horas. Trátase da obra Sweeney Todd, O barbeiro diabólico da Rúa Fleet , dirixida por Roberto Salgueiro e interpretada polos membros da Aula de Teatro da USC.

O sábado 18 a partir das 20 horas presentaranse Teselas, pequenos  traballos/proxectos presentados por mozos e mozas galegos estudantes de arte dramática das escolas, como a Real Escola Superior de Arte Dramática de Madrid e a Escola Superior de Arte Dramática de Estremadura. A continuación, terá lugar a presentación de Gran oferta Promocional de Tik Teatro, a compañía de Teatro da Residencia Universitaria Bal y Gay. Terán un aforo limitado a 80 persoas.

O domingo 19 de abril a partir das 21 horas, é a quenda da compañía Grupo de Teatro Krilajo, unha das compañías independentes da USC-Lugo, dirixido por José María Tubío Sánchez, cun aforo limitado de 80 persoas.

A aula de teatro universitaria de Ourense Mariacastaña  presentará o luns 20 de abril en Lugo a peza Dramaturxia de Fernando Dacosta a partir de Ricardo III, de William Shakespeare e porá fin ao XXI Festival de Teatro da USC.

Lugo Cultural, convenio entre o Concello de Lugo, a Área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo e a Universidade, que vén funcionando dende hai más de 20 anos co obxectivo de coordinar a actividade cultural en Lugo e apoiar, deste xeito, a implantación universitaria coa promoción e organización na cidade de distintas actividades e accións culturais que se programan no marco deste convenio, presenta hoxe a XXI edición do Festival de teatro universitario da USC.

Noticias relacionadas