Entra en vigor a nova taxa que permitirá ao Concello de Lugo gravar ás distribuidoras de enerxía pola ocupación do espazo público

A norma regulará cunha cota tributaria e un cadro de tarifas o aproveitamento do dominio público que estas empresas realizan para transportar a subministración de electricidade, gas, auga e hidrocarburos.

Durante o Pleno o Goberno informou tamén da elevación a definitivas de varias Ordenanzas fiscais que foron revisadas este ano.

A edil Paula Alvarellos deu conta, así mesmo, da sinatura dun Convenio coa Dirección Xeral do Catastro que permitirá a utilización conxunta de medios para efectivizar a xestión pública.

Xoves, 30 de xuño de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Entra en vigor a nova taxa que permitirá ao Concello de Lugo gravar ás distribuidoras de enerxía pola ocupación do espazo público

O Executivo de Lara Méndez deu conta, esta mañá durante a celebración do Pleno ordinario correspondente ao mes de xuño, de que o Concello de Lugo dispón xa dunha nova taxa coa que a Administración local poderá gravar ás distribuidoras de enerxía pola ocupación que fan do espazo público.

A norma servirá para regular, baixo parámetros de equidade tributaria, o aproveitamento especial do dominio público - tanto no solo, como no subsolo e no voo – coa que se determinará o importe da afección que estas compañías ocasionan sobre os bens municipais ou comunais.

Unha contía á que se chegou tomando como referencia o valor que tería no mercado a utilidade derivada deses usos, atendendo a un informe técnico – económico no que xa se contempla a realidade do mercado. De maneira que a cota tributaria será o resultado de aplicar un tipo impositivo á base impoñible na que se ten en conta ese valor directo das instalacións e da súa ocupación.

“Por unha banda, aplicarase un tipo do 5% para os aproveitamentos especiais das instalacións tales como caixas de amarre, liñas subterráneas, torres metálicas, apoios, transformadores, depósitos ou outros elementos similares e, pola outra, o 2’5% para o aproveitamento dos restantes elementos tales como liñas aéreas ou cables de transporte de enerxía”, lembrou a tenente de alcaldesa Paula Alvarellos.

A área de Gobernanza, á que pertence Facenda Local, trasladaba hoxe á Corporación nunha dación en conta, a elevación definitiva desta e doutras Ordenanzas municipais que foron revisadas este ano. Entre elas:

  • A Ordenanza Fiscal Xeral, que incorpora cambios relativos a regular a relación entre administrado e Administración no que ten que ver coa tramitación electrónica e coa incorporación dos documentos que resultan necesarios para abordar diferentes procedementos
  • A Ordenanza Fiscal Reguladora das Taxas polo Servizo Municipal de Subministración de Auga Potable a Domicilio, na que se clarifican os casos polos que se rexe o consumo estimado no caso de inexistencia de lectura do contador
  • A Ordenanza Fiscal Reguladora das Taxas pola Prestación do Servizo de Mercado, na que pasa a contemplarse a utilización das instalacións para a realización de actividades culturais, sociais, deportivas, etc así como as súas tarifas correspondentes
  • A Ordenanza Fiscal Reguladora das Taxas pola Prestación de Servizos nas Escolas Infantís na que figura a gratuidade da escolarización para segundo/as fillo/s e sucesivos e se matizan con maior detalle os conceptos relativos ao importe dos ingresos totais da unidade familiar e da cota a abonar segundo os casos, empregando na redacción unha linguaxe non sexista
  • A Ordenanza Fiscal Reguladora do Imposto sobre Vehículos de Tracción Mecánica para adaptala á actual doutrina xurídica que reitera que non cabe equiparación automática entre a incapacidade permanente total e a minusvalía do 33% de discapacidade
  • E a Ordenanza Fiscal Reguladora do Imposto Sobre o Incremento do Valor dos Terreos de Natureza Urbana, dando a posibilidade ás e aos contribuíntes de escoller a fórmula de cálculo que consideren máis axeitada e proceder á súa autoliquidación

Por outra banda, a edil Paula Alvarellos informou alén da sinatura dun Convenio coa Dirección Xeral do Catastro que permitirá a utilización conxunta de medios e servizos para efectivizar a xestión pública.

“Unha colaboración que non conleva ningunha contraprestación nin ningún tipo de gasto pero que nos posibilitará aos dous organismos traballar sobre un modelo único de tramitación de determinados expedientes e procedementos e dispoñer de ferramentas actualizadas e dun mapa parcelario no que as incidencias ou discrepancias entre a información catastral e a realidade inmobliaria sexan as mínimas”, concluíu a responsable da área económica.

Audio

  • A edil de Gobernanza, Paula Alvarellos, sobre as novas taxas á grandes distribuidoras de enerxía | Descargar mp3

Noticias relacionadas