En marcha Future Jobs Tools, a segunda iniciativa de apoio ao emprendemento que escolleu a veiciñanza nos Orzamentos Participativos

Ana Prieto deulle a benvida este luns ás persoas participantes neste proxecto,  no que as e os lucenses interesados en dar un xiro á súa vida laboral están a coñecer as tendencias do mercado laboral marcadas polo progreso tecnolóxico e dixital da sociedade da man de especialistas

Luns, 11 de febreiro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
En marcha Future Jobs Tools, a segunda iniciativa de apoio ao emprendemento que escolleu a veiciñanza nos Orzamentos Participativos

A Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto deulle a benvida este luns, no CEI-NODUS, ás persoas participantes noFuture Jobs Tools, un dos proxectos seleccionados dos Orzamentos Participativos, no que as e os lucenses interesados en dar un xiro á súa vida laboral están a coñecer as tendencias do mercado laboral marcadas polo progreso tecnolóxico e dixital da sociedade da man de especialistas.

Esta é a segunda das 8 iniciativas de apoio e dinamización do emprendemento que pediu a cidadanía nos Orzamentos Participativos en arrincar. Consta de 3 obradoiros, que se impartirán entre febreiro e marzo, basados na novela empresarial El Desafío de Yago, a secuela de La Aventura de Diana, unha referencia na aprendizaxe da innovación.

As propostas relacionadas co emprendemento supuxeron o 30% das totais da campaña de participación cidadá que activou o Goberno. Xunto a Future Jobs Tools e o programa 3C de asesoramento personalizado, o Concello desenvolverá as seguintes accións co fin de implantar ou mellorar unha actividade empresarial a través das novas tecnoloxías, a innovación e a creatividade.

  • Aprende a Medrar: trátase dun programa de consolidación empresarial establecendo estratexias para atraer clientes e fidelizalos. Celebrarase entre os meses de marzo e maio.
  • Píldoras de coñecemento para emprendedores: orientado a empresas xa constituídas, incluirá catro obradoiros sobre técnicas para mellorar o funcionamento e competitividade dos negocios.
  • Estudo dun plan de accións para a transformación do barrio da Tinería, unha iniciativa que complementará a decisión do Concello de crear nesta zona un viveiro de empresas a pé de rúa, e que incluirá medidas en sete eidos: comercial; administrativo; educativo, docente e cultural; asistencial; deportivo; sanitario; e obradoiros de artesanía. O estudo desenvolverase entre febreiro e abril.
  • Chatbot Learning: actividade dirixida a formar na aplicación da intelixencia artificial de forma sinxela e práctica a unha idea de negocio ou a unha empresa en marcha. Terá lugar en marzo.
  • Lucus Raid, Emprende o Camiño: quince xóvenes con inquietudes emprendedoras, ao mesmo tempo que cobre a ruta xacobea, recibirán titorías individualizadas en materia de creación de empresas. A actividade celebrarase entre marzo e maio.
  • Segunda edición da Feira de Nenos e Nenas Emprendedores, que busca fomentar o espírito emprendedor entre os máis pequenos. Celebraranse uns obradoiros previos no primeiro semetre do ano.

Noticias relacionadas