Eixo Atlántico e CES-Galicia impulsarán un gran movemento social en defensa do Corredor Atlántico

Responsables de ambas entidades celebran unha primeira toma de contacto en Santiago co fin de fomentar apoios para a priorización da infraestrutura

Venres, 23 de outubro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Eixo Atlántico e CES-Galicia impulsarán un gran movemento social en defensa do Corredor Atlántico

Coa idea de unificar criterios e unir vontades, responsables do Eixo Atlántico mantiveron unha xuntanza co presidente do Consello Económico e Social de Galicia para impulsar un gran movemento social e coordinar iniciativas conxuntas en defensa do corredor atlántico. Na reunión, a vicepresidenta do Eixo Atlántico e alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o secretario xeral da organización, Xoán Vázquez Mao, comentaron co presidente do organismo consultivo, Agustín Fernández, a necesidade de manter un esforzo decidido, cohesionado e unánime para garantir o futuro dunha infraestrutura de vital importancia para o territorio do noroeste peninsular.

A reunión, celebrada na sede do CES en Santiago, foi unha primeira toma de contacto entre estes organismos para impulsar un movemento amplo, mesmo unánime, de axentes socioeconómicos, institucións e administracións para reclamar a priorización da execución do corredor atlántico. Ambos os dous organismos entenden que, alén de colores políticos ou intereses parciais, é o momento de acadar o maior número de adhesións a calquera iniciativa que sirva para impulsar o corredor atlántico, desde a máxima unidade. Neste senso, o Eixo Atlántico representa aos concellos do noroeste peninsular, tanto en Galicia como en Portugal, mentres que no CES están presentes os actores económicos e sociais da sociedade civil.  Xuntos amalgaman unha ampla variedade de representación do territorio para o que o corredor atlántico é un eixo vital.

Segundo explicou a vicepresidenta do Eixo, “pretendemos xerar un movemento social de apoio, porque non podemos perder a oportunidade. Queremos reivindicar que o corredor atlántico non pode quedar descolgado da axenda política nin do debate sobre o reparto dos fondos de reestruturación europeos. O noroeste non pode quedar descolgado da cohesión económica e social.” Con ese obxectivo, un dos primerios movementos será solicitar unha reunión co presidente da Xunta de Galicia e remitir senllas cartas ao primeiro ministro luso, ao presidente do Goberno de España e á presidenta da Comisión Europea coas reivindicaciones que se plantexan. “Tamén pretendemos consensuar un manifesto para que poda ser respaldado ao máximo polo tecido económico e social”, adiantou Méndez.

Logo da xuntanza, o presidente do CES-Galicia, Agustín Hernández, salientou que as iniciativas que se plantexan “non pretenden priorizar un corredor a costa ou en detrimento doutros, senon priorizar o Atlántico en base á súa posición estratéxica e potencialidade”. Segundo Hernández, o obxectivo sería que “o desexable impulso ao corredor se acade como un proxecto de país, de territorio, un proxecto por riba dos intereses curtopracistas dun determinado goberno, o que implica unha visión a longo prazo.”

Unha preocupación recurrente

A preocupación polo futuro deste infraestrutura non é unha novidade para o CES. Xa no pasado ano, o organismo consultivo aprobou por unanimidade o seu informe “Galicia na rede básica transeuropea de transporte de mercadorías. Retos estratéxicos de futuro.”, un documento que incluía unha serie de propostas e conclusións.

No mesmo eido, este asunto está tamén a ser obxecto de estudo no marco da Rede Transnacional Atlántica (RTA), unha organización dos CES atlánticos e organismos homólogos de  Portugal, España, Francia, Reino Unido e Irlanda, á que pertence o CES-Galicia. Unha das prioridades desta organización e a concreción do corredor atlántico de mercadorías, a súa concreción e o seu impulso e priorización. Porque, se o corredor resulta vital para o territorio polo que está previsto que discurra, tamén é moi importante para o conxunto da Unión Europea en relación con criterios de cohesión e integración dun amplo espazo comunitario.

Este é tamén un asunto de capital importancia para os outros consellos económicos e sociais da “raia”, cos que o CES-Galicia mantén acordos de colaboración para tratar asuntos comúns.

Un xigante que esperta

Para describir a situación na que se atopa este territorio, o secretario xeral do Eixo indicou que “o Atlántico é un xigante que comeza a espertar” e fixo fincapé no traballo de anos que a súa organización ven desenvolvendo na procura destes mecanismos básicos para a vertebración do territorio, tanto no ámbito transfronterizo como mesmo en instancias europeas.

O Eixo Atlántico considera prioritarias as infraestruturas para a competitividade do Atlántico ibérico, ás que poñen en valor xunto coa coordinación portuaria desde Sines ata Ferrol, como ven defendendo nos seus informes nestes anos.

Asemade, o Eixo Atlántico defende como proposta que se considere como membro de facto do corredor atlántico a liña Ferrol–A Coruña–Lugo–Monforte, que se ben terá que ser incluída no plan de 2023 (novo prazo de modificación previsto pola UE), a súa modernización xa pode ser financiada cos fondos de reestruturación, en base á súa condición de prestar servizo aos portos atlánticos.

Multimedia

  • Eixo Atlántico e CES-Galicia impulsarán un gran movemento social en defensa do Corredor Atlántico

Noticias relacionadas