Educación e Participación poñen en marcha un servizo de voluntariado educativo

Felipe Rivas: “o concello encargarase de poñer en contacto ás familias coas persoas voluntarias”

Mércores, 18 de marzo de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Despois da reunión de coordinación celebrada hoxe polo goberno municipal, o concelleiro de Educación e Difusión do Coñecemento, Felipe Rivas, anunciou que dende as concellerías de Educación e Participación se poñerá en marcha un servizo de voluntariado con apoio educativo e contidos de lecer para as nenas e nenos de Lugo. Segundo Felipe Rivas, “trátase dunha medida complementaria ás que xa están poñendo en marcha outras administracións para manter activo o sistema educativo”.

“Estamos vendo como a propia veciñanza se está organizando a través das redes sociais, e desde o Concello queremos colaborar con elas, axudándoas a contactar coas familias”, indicou Felipe Rivas, que engadiu “o Concello encargarase de recibir as ofertas das voluntarias e as solicitudes das familias, ademais de poñelas en contacto”.

Felipe Rivas lembrou que “as redes sociais da área de Cultura levan varios días difundindo contidos educativos e de ocio”. Segundo Felipe Rivas, “queremos axudar ás familias a paliar o impacto no día a día das medidas decretadas polo goberno do Estado, sen deixar de lado a educación” .

As persoas voluntarias apuntaranse no 010 deixando o seu teléfono, e especialidade na que poden resolver dúbidas: infantil, primaria, matemáticas, inglés...., xunto co horario no que poderían atender as consultas. Para as consultas con este voluntariado, as familias terán que chamar ao 010 e dende alí transferirase a chamada para poñelas en contacto co voluntariado.

Audio

  • O concelleiro de Educación e Difusión do Coñecemento, Felipe Rivas, sobre o voluntariado educativo | Descargar mp3

Noticias relacionadas