A edil de gobernanza anuncia a entrada en vigor dun protocolo de actuación para axilizar os procedementos de contratación e o pago a provedores

Paula Alvarellos adianta que a instrucción se publicará a vindeira semana

Xoves, 31 de outubro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A edil de gobernanza anuncia a entrada en vigor dun protocolo de actuación para axilizar os procedementos de contratación e o pago a provedores

A edil de Gobernanza, Paula Alvarellos, adiantaba hoxe durante o Pleno que a vindeira semana a área de Economía fará pública unha instrucción propiciando a entrada en vigor dun protocolo que permita axilizar os procedementos de contratación.

“Isto posibilitará non só tramitar con maior dilixencia as distintas adxudicacións senón tamén diminuír os tempos que agora se manexan para o pagamento de facturas a empresas e resto de provedores”, indicou.

A concelleira refire que a medida “atende a unha necesidade de acomodarse ao novo marco normativo pero tamén de ter en conta e adecuarse, de forma simultánea, á realidade da organización municipal e a posta en marcha, inminente e imparable, da xestión documental de xeito electrónico impulsada por este goberno de Lara Méndez”.

“Unha circunstancia – abonda – que nos obriga a instruír aos diferentes servizos sobre o proceso que deberán seguir os expedientes que non poidan ser tramitados polo procedemento simplificado (regulado no artigo 118 da LCSP) aplicable aos contratos denominados menores. Polo que, dende Gobernanza procedemos a elaborar unha serie de instruccións que efectivicen e melloren o sistema actual de traballo, respectando a liberdade de acceso dos licitadores, a publicidade e transparencia dos procedementos e o control do gasto e selección da oferta máis ventaxosa”, subliñou Paula Alvarellos.

Coma novidades máis importantes, a responsable de Economía destacou que se incluirán unha serie de indicacións sobre os aspectos que deberán recoller as propostas de celebración de contratos que teñen que remitir cada un dos diferentes servizos municipais; que se determina unha tramitación máis rápida para os contratos menores no marco da administración electrónica e adaptada, por fin, á normativa aplicable e que se establecerá unha periodicidade semanal das mesas de contratación, dando, deste xeito, maior seguridade aos licitadores”, trasladou Paula Alvarellos que enmarcou esta instrucción no conxunto de medidas que o goberno de Lara Méndez está a poñer en marcha para acadar a segunda gran transformación de Lugo.

Por outra banda, a concelleira aproveitou a súa intervención durante o debate dos expedientes extraxudiciais de crédito que hoxe deberon someterse a aprobación plenaria para deixar en evidencia a dobre moral da oposición que, por unha banda, reprocha o atraso no pagamento de facturas aos provedores municipais e, pola outra “esquecen levantar a man para aprobar as partidas económicas que autorizan eses pagamentos co único obxecto de boicotear a acción do executivo, disfrazando logo con oratoria enganosa que, no fondo, prefiren priorizar os intereses políticos”, concluíu Paula Alvarellos.

Audio

  • A edil de Gobernanza, Paula Alvarellos, sobre o o pago a provedores | Descargar mp3

Noticias relacionadas