A edil de Benestar traslada ao persoal do Centro de Día Antonio Gandoy as accións iniciadas polo Concello para que a empresa pague as nóminas

Olga López informou tamén aos traballadores do estado no que se atopa a tramitación da nova adxudicación

“Non imos consentir, baixo ningún concepto, que a empresa xogue cos traballadores”

Venres, 08 de novembro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A edil de Benestar traslada ao persoal do Centro de Día Antonio Gandoy as accións iniciadas polo Concello para que a empresa pague as nóminas

Así de tallante se manifestaba hoxe Olga López Racamonde ante a situación de impago que están a sufrir os empregados do Centro de Día Antonio Gandoy. 

A concelleira de Benestar mantiña hoxe un encontro con representantes dos afectados aos que lles trasladou, con absoluta contundencia, as accións iniciadas polo seu departamento para que a concesionaria do servizo proceda ao abono dos salarios.

“Neste momento, non hai ningún atraso na tramitación das facturas por parte do Concello. A correspondente ao mes de setembro xa está tramitada e ingresarase durante a semana que vén e, a de outubro, da que se deu traslado o día 31, xa está tamén asinada e co procedemento en curso”, indicou Olga López.

A edil explicou tamén que dende os Servizos Sociais enviouse un requirimento á adxudicataria para que xustifique o pagamento das nóminas e “de non ser así, foi advertida de que a situación pode derivar na apertura dun expediente sancionador que lle suporá serias complicacións para voltar concorrer a licitacións públicas”, sinalou López Racamonde.

“Non toleraremos ningún chantaxe por parte da empresa. Ten que pagar en tempo e forma como así se lle esixe nas cláusulas de contratación, demostrando a súa solvencia porque a do Concello non está en entredito”, lembrou a concelleira.

Olga López aproveitou tamén esta reunión co cadro de persoal deste Centro de Día, ademais de para comprometerlles o seu apoio, para avanzarlles en qué punto se atopa o proceso de adxudicación do novo contrato ao que se presentaron tres ofertas.

“Agardamos que, en mes e medio, a nova concesionaria xa estea operando logo dun proceso longo que na anterior convocatoria quedara deserto. Para iso levouse a cabo unha nova revisión do estudo económico, modificándoa a favor do informe realizado polos técnicos e, tralo que se determinou a necesidade de introducir unha serie de melloras, tanto no relacionado co transporte e as actividades a realizar polos usuarios, como na ganancia empresarial que se duplicou ata alcanzar o 10%”, concluíu Olga López.

Audio

  • A edil Olga López, no Centro Antonio Gandoy | Descarga mp3

Multimedia

  • A edil de Benestar traslada ao persoal do Centro de Día Antonio Gandoy as accións iniciadas polo Concello para que a empresa pague as nóminas

Noticias relacionadas