A edil de Benestar confirma que non hai constancia de que se emitira ningunha orde de expulsión e que a denegación do permiso de residencia se debe a outras causas

Olga López Racamonde atribúe a falta de rigor “e agora tamén de credibilidade” do PP ao descoñecemento absoluto, por parte do ex Subdelegado do Goberno, da tramitación deste procedemento

Venres, 15 de novembro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A edil de Benestar confirma que non hai constancia de que se emitira ningunha orde de expulsión e que a denegación do permiso de residencia se debe a outras causas

“En primeiro lugar, nin sobre esta persoa pesa aínda ningunha orde de expulsión do país, nin o informe municipal de arraigamento é determinante para evitala e ademais este non é o motivo polo que non se lle concede o permiso de residencia”.

Así de categórica se amosaba esta mañá Olga López Racamonde para desmentir as difamacións vertidas polo Partido Popular esta semana cando atribuíu a resolución de Inmigración a unha neglixecia dos Servizos Sociais.

Logo de reunirse coa persoa afectada para coñecer de primeira man todos os detalles do acontecido a edil de Benestar comparecía hoxe en rolda de prensa para clarificar os feitos.

“Por unha banda, a denegación dun permiso de residencia non implica unha orde de expulsión. Pola outra, nunca esa decisión se condiciona á presentación ou non dun informe de inserción social porque en todo caso, esa falta é fácil e rápidamente subsanable. Xa non é cuestión de que antes de tomar unha decisión así o funcionamento habitual neste procedemento é que Estranxeiría se poña en contacto cos Servizos Sociais para notificarllo – cousa que aquí non sucedeu porque este documento non é o motivo polo que non se lle autoriza a esta persoa a quedarse en Lugo. Pero aínda así, de ser este informe a única eiva detectada, o interesado estaría en tempo de recorrer a decisión administrativa, dispoñendo de dez días para presentalo”, explicou Olga López.

“O que nos resulta completamente incomprensible é que o portavoz do PP, tendo sido Subdelegado do Goberno, amose semellante descoñecemento do proceso”, lamentou a concelleira, “aínda que pouco se pode agardar de quen, cos cargos que ostenta, afirma que no noso municipio residen 1000 inmigrantes cando a comunidade alcanza os 10.000”.

López Racamonde cualificou de “irresponsabilidade absoluta” o comportamento do portavoz popular “por alarmar innecesariamente á cidadanía insinuando que se atopa nunha situación de indefensión ante a mala praxis dos servizos municipais. Unha calumnia que non lle penso consentir”.

“O señor Ramón Carballo afirmou sen ningún pudor que o atraso na emisión do informe provocou que Inmigración dictase unha orde de expulsión contra esta persoa e que ese era o único motivo polo que se lle denegaba a súa permanencia no país e insistiu ademais neste extremo. Unha mentira torticeira que o único que pon en evidencia é a súa falta de rigor, a ausencia do máis mínimo traballo de fiscalización e un comportamento miserable en tanto se descubriu que o único que pretendía era acadar protagonismo mediático a costa de cuestionar non só o funcionamento dos Servizos Sociais senón a profesionalidade de quen traballa neles”, reprochou a edil.

“Neste caso estamos a falar ademais dunha funcionaria que atende unha media de 90 persoas ao mes, o 10% delas estranxeiras polo que, ao longo de todo ano, tramitará ao redor de 130 expedientes coma este sen ter propiciado nunca, e agora tampouco, unha situación como a descrita, ou máis ben terxiversada, polo señor Carballo”, aclarou Olga López.

A responsable de Benestar explicou tamén que aínda que a elaboración do informe de arraigo social se demorou do prazo de tres meses establecido, parte do atraso veu motivado porque a persoa interesada tardou en incorporar documentación que lle foi requirida polo Concello en varias ocasións. “E cando presentou a reclamación no Rexistro o fixo aludindo só á parte relativa ao informe municipal e obviando o resto da resolución na que xa se lle indicaba que a denegación do permiso se producía por dúas causas máis. Unhas circunstancias que o Partido Popular debera ter contrastado primeiro se os seus fins foran outros que os de instrumentalizar a situación en beneficio propio e sen medir que tan lamentable manobra o único que descobre é non só a súa falta de escrúpulos e agora tamén, de credibilidade”, concluíu Olga López Racamonde.

Audio

  • A edil Olga López Racamonde, sobre a orde de expulsión (I) | Descargar mp3
  • A edil Olga López Racamonde, sobre a orde de expulsión (II) | Descargar mp3
  • A edil Olga López Racamonde, sobre a orde de expulsión (III) | Descargar mp3

Noticias relacionadas