Ducias de nenos e nenas visten de alegría e cor unha tarde chuviosa no Gran Concurso de Disfraces Infantil

Slenderman, E para comer... Lugo e A Raíña de papel foron os gañadores na categoría individual

En parellas: Tractorada na Muralla, Xigantes e cabezudos, e Bolboretas

En comparsas: Aventuras de Astérix e Obélix, Cleopatra entra en Roma, Érase unha vez e Un Mundo de contos de Albeiros

Sábado, 06 de febreiro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Ducias de nenos e nenas visten de alegría e cor unha tarde chuviosa no Gran Concurso de Disfraces Infantil

As ducias de nenos e nenas que participaron xunto con seus pais este sábado no Gran Concurso de Disfraces Infantil organizado polo Concello de Lugo vestiron de alegría, luz e cor unha tarde chuviosa e fría de inverno na Praza Maior. A orixinalidade e a creatividade foron a tónica dos disfraces cos que os máis pequenos da casa desfilaron baixo unha carpa instalada en fronte ao consistorio, uns con máis e outros con menos timidez, pero todos con ilusión e ganas de pasalo ben.

O xurado estivo formado este ano por Mercedes Barreiro, presidenta da Asociación Pepe Barreiro; Paloma Lugilde, de Palimoco Teatro; e María del Carmen Fernández Rodríguez, da Escola de Arte Ramón Falcón.

Os premiados

Categoría individual

  • 1º premio: Slenderman. Lote de libros por 50€
  • 2º premio: E para comer... Lugo. Lote de libros por 40€
  • Premio disfrace reciclado: A Raíña de papel. Lote de libros por 50€

Categoría Parellas

  • 1º premio: Tractorada na Muralla. Lote de libros por 75€
  • 2º premio: Xigantes e Cabezudos. Lote de libros por 60€
  • Premio disfrace reciclado: Bolboretas. Lote de libros por 75€

Os terceiros nestas dúas categorías quedaron desertos por ausencia de participantes.

Categoría Comparsas

  • 1º premio: As Aventuras de Astérix e Obélix. Lote de libros por 150€
  • 2º premio: Cleopatra entra en Roma. Lote de libros por 120€
  • 3º premio: Érase unha vez. Lote de libros por 100€
  • Premio disfrace reciclado: Un Mundo de contos de Albeiros. Lote de Libros por 150€

Tras o desfile, animado pola charanga Arde Yu Ku, os carnavais continúan na cidade a partir das 20:00 horas coa actuación do grupo Paradela na Ronda das Fontiñas e coa representación de O Baile dos Vampiros a cargo de Achádego Teatro na Praza do Campo, no marco do ciclo Teatro Escénico. A charanga A Excusa animará o barrio de Recatelo e a praza do Campo a partir das 20:30h, e Arde Yu Ku estará en Campo Castelo, San Pedro e Mártires de Carral.

A programación de mañá comezará cunha degustación de filloas na Praza da Soidade. A xornada contempla diversas actuacións musicais, así como un baile de entroido no Mercado Municipal de Abastos ás 18:30 horas. O luns, os máis cativos poderán gozar cunha ludoteca de xogos xigantes a partir das 18:30 horas no Mercado Municipal.

Para o martes de Entroido, o Concello ten preparadas actuacións musicais e o gran concurso de disfraces de adultos, que repartirá 6.000 euros en premios. O Velorio e o posterior enterro da Sardiña, así como o concurso de ferretes poñerán o broche de ouro aos carnavais.

Multimedia

Noticias relacionadas