Dous balcóns, na contorna de Casas Baratas e Fontiñas, e unha galería nos arredores da Estación de Autobuses, gañadores do concurso de decoración de fachadas do Arde Lucus

Ao certame, que se resolveu onte, concorreron un total de 11 participantes

O gañador terá un premio de 1.000 euros mentres que os inmobles que quedaron en segundo e terceiro lugar recibirán 500 € e 300 €, respectivamente

Mércores, 08 de xullo de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Dous balcóns, na contorna de Casas Baratas e Fontiñas, e unha galería nos arredores da Estación de Autobuses, gañadores do concurso de decoración de fachadas do Arde Lucus

Habemus victor!!

O xurado do concurso de decoración e embelecemento de balcóns, ventás e fachadas do Arde Lvcvs ten xa o seu veredicto.

Logo de reunirse na tarde de onte para avaliar as propostas presentadas, os integrantes do tribunal, Nuria Carballido Álvarez – profesional do sector de organización de eventos; Silver Fernández Fernández - representante da asociación Ara Roma; Ana Mª González Abelleira - Tenenta de Alcaldesa da Área de Cohesión Social; María Lamela Rodríguez - experta en vestimenta romana e de recreación histórica e Mónica Rodríguez Castro, expoñente da asociación Clan de Breogán, seleccionaron ás tres vivendas gañadoras.

“Trátase de dous balcóns, sitos nas contornas de Casas Baratas e Fontiñas, e dunha galería nos arredores da Estación de Autobuses que, durante estes días, souberon reflectir e transmitir ao resto da cidadanía o espírito destas festas tan importantes para a nosa cidade e manter viva a súa chama nos barrios, a pesar das circunstancias especiais nas que tiveron que celebrarse este ano”, salientou Ana González Abelleira.

A edil de Xuventude indicou que, para elixir as composicións vencedoras, tivéronse en conta factores como a orixinalidade na ornamentación, a variedade, a colocación de elementos accesorios e mesmo tamén a utilización de materiais sostibles ou de refugallo así como a dificultade que entrañaba a superficie a decorar.

No certame, co que se pretendía promover a participación activa da veciñanza e dinamizar a capital cunha estética propia, ambientada no pasado romano local, participaron unha ducia de particulares que, entre o 18 e o 28 de xuño, engalanaron a face dos seus domicilios contribuíndo así a que Lugo tivera Arde Lucus, a pesar das restricións impostas polo coronavirus.

Na toma da decisión, os membros do xurado visitaron o enderezo dos inmobles inscritos antes de realizar a súa valoración e concederon, así, un primeiro premio, valorado en 1.000 euros, a un pequeno balcón ataviado cun torque dourado, peles e outros símbolos castrexos; un segundo premio, de 500 €, a unha solaina que emulaba un posto vixía na torre da Mosqueira e, finalmente, un terceiro, de 300 €, a un corredor aberto no que fiestras e varanda serviron de soporte a un lenzo de liño que proclamaba a festa entre trísceles e outros motivos.

A modalidade de comunidades veciñais quedou deserta.

Dende a área de Xuventude, a súa concelleira, agradeceu a implicación de todas as persoas que colaboraron coa iniciativa e salientou a “destacada pegada virtual que esta edición, tan singular, deixou nas redes sociais de numerosos países”.

Multimedia

  • Dous balcóns, na contorna de Casas Baratas e Fontiñas, e unha galería nos arredores da Estación de Autobuses, gañadores do concurso de decoración de fachadas do Arde Lucus
  • Dous balcóns, na contorna de Casas Baratas e Fontiñas, e unha galería nos arredores da Estación de Autobuses, gañadores do concurso de decoración de fachadas do Arde Lucus
  • Dous balcóns, na contorna de Casas Baratas e Fontiñas, e unha galería nos arredores da Estación de Autobuses, gañadores do concurso de decoración de fachadas do Arde Lucus

Noticias relacionadas