Do 5 ao 11 de maio: maxia, moita maxia en Lugo

Carmen Basadre e os magos Rafa e Teto presentaron a programación da XVI Semana Internacional de Maxia, que achegará unhas 60 actuacións a un público de todas as idades, convertendo a Lugo en paraíso máxico

Esta edición abrirá dun xeito sensacional, coa presentación, no Auditorio Municipal Gustavo Freire, do novo espectáculo do lugués Mago Rafa, Ahora, A maxia das emocións, o 5 de maio, dende as 18:30 horas

A XVI Semana Internacional de Maxia de Lugo contempla outras dúas galas máis: a unipersoal, da mán do Mago Teto, que presentará Alquimia, o venres 10 de maio, ás 20:00 horas tamén no Gustavo Freire; e a Gran Gala Internacional, o sábado 11 de maio, ás 21:00 horas no mesmo espazo municipal

Luns, 22 de abril de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Do 5 ao 11 de maio: maxia, moita maxia en Lugo

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, acompañada polo Mago Rafa e o Mago Teto, presentaron este luns, no patio central do Vello Cárcere, a XVI Semana Internacional de Maxia en Lugo-Lugo Máxico, que se celebrará do 5 ao 11 de maio. Esta programación achegará unhas 60 actuacións a un público de todas as idades, convertendo a Lugo en paraíso máxico.

Este ano, por primeira vez, serán os magos os que acheguen a ilusión aos propios colexios, concretamente a máis de 20 centros educativos, que se suman aos espectáculos en escolas infantís municipais (Piringalla, Serra de Outes, Gregorio Sanza e Sanfiz), no Auditorio Municipal Gustavo Freire e nas ociotecas do Uxío Novoneyra , A Milagrosa e Maruja Mallo; así como no MIHL, no Mercado Municipal, no Mesón do Forno, no Centro de día Antonio Gandoy, nas Casas das Linguas de Acea de Olga e da Piringalla, no Vello Cárcere, na Ponte Romana e no Hospital de Calde. Como non podería ser doutro xeito tamén haberá maxia na rúa: na Praza Maior, na Praza da Milagrosa, en Porta Miñá e na Praza do Castiñeiro. Tamén actuarán en instalacións de colectivos sociais.

No acto de presentación, Carmen Basadre agradeceulle o traballo ao Mago Rafa e o Mago Teto por 16 anos programando semanas que enchen de maxia e ilusión a Lugo; cun festival que atesoura unha gran importancia, que se superou xa a si mesmo, sendo recoñecido a nivel Europeo. Tamén lle desexou outros 16 anos máis de vida a esta programación, ineludible xa na axenda cultural lucense.

Pola súa banda, o Mago Rafa agradeceulle ao Concello que siga apostando por este festival, coñecido en toda Europa, e que nesta edición abrirá dun xeito sensacional, coa coa presentación, no Auditorio Municipal Gustavo Freire, do novo espectáculo do propio Mago Rafa, Ahora, A maxia das emocións, o 5 de maio, dende as 18:30 horas. As entradas para a función deste lugués xa poden adquirirse en www.entradaslugo.es. Tamén se poderán mercar nas propias instalacións do auditorio dende unha hora e media antes do espectáculo, cun prezo de 5 euros.

A programación

A XVI Semana Internacional de Maxia de Lugo contempla xunto a esta gala inaugural outras dúas galas máis: a unipersoal, da mán do Mago Teto, que presentará Alquimia, o venres 10 de maio, ás 20:00 horas tamén no Gustavo Freire; e a Gran Gala Internacional, o sábado 11 de maio, ás 21:00 horas no mesmo espazo municipal.

O Mago Teto buscará nesta Gala Unipersoal, coa súa obra, a pedra fiolosofal, non para conseguir a riqueza e a vida eterna, senón a alquimia que está dirixida ao corazón e á felicidade.

Pola súa banda, na Gran Gala Internacional participará Edama, campión de España de grandes ilusións, que xunta pasión, enerxeía, historias sorprendentes e a máis espectacular posta en escea, chegando ao máis profundo da emtne do público, evocando emocións e facendo realidade o que para outros é simplemente un soño. Xunto a el, o dúo dos mozos portugueses Ta Na Manga, que asocian a cartomaxia ao arte, neste caso á música; dous comediantes do Reino Unido que ofrecen un espectáculo visutal tan divertido como intelixente. Unha mistura de bufonería e ilusionisto que gañaron ao público por todo o mundo. Nesta cita, presentada por Isaac Jurado, tamén participará  Alberto Giorgi, ilusionista que se atopa entre os exemplos máis destacados e atractivos do panorama europeo da maxia, cun estilo inimitable, que combina perfectamente a tradición e a modernidade; e G. Alexander, un dos ilusionistas españois máis competitivos e con máis proxeción internacional do momento. Picardía, arte e personalidade son as palabras que definen os seus especáculos.

As entradas xa poden adquirirse en www.entradaslugo.es por un prezo de 5 euros a unipersoal e 10 ou 8 euros, dependendo da zona a internacional, ata 3 horas antes de cada función, así como no Centro de Interpretación da Muralla. Os mesmos días das galas tamén se poderán adquirir no propio auditorio dende 90 minutos antes do comezo do espectáculo.

Máis información en  www.lugomaxico.es ou en www.lugo.gal.

Audio

  • Carmen Basadre, sobre XVI Semana Internacional de Maxia | Descargar mp3

Documento

Noticias relacionadas