Dez citas imperdibles para esta semana en Lugo

Música, contacontos, conferencias, obradoiros e andainas compoñen a programación lúdico cultural do Concello para os vindeiros días

Martes, 17 de abril de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Esta semana o Concello propón 10 citas imperdibles en Lugo entre martes e domingo. Concretamente, para hoxe martes ten prepado o concerto Corrossion Resistance, do saxofonista Pablo Coello e o dj Iván Ferrer. Será no centro cultural do Vello Cárcere a partir das 20:30 horas.

O xoves, a entidade local organiza, para a poboación máis nova, un contacontos na Biblioteca Municipal. Dende as 18:30 horas, a compañía Os Contos de Pablisimo, ofrecerán unha actuación que combina teatro e pantomina, baixo o título de O Paroleiro. As entradas para esta actividade de fomento da lectura son gratuítas, pero dado que o aforo é limitado, é necesario retirar invitacións, na propia biblioteca.   

Outra das alternativas para o xoves é a música. A Casa do Saber acollerá ás 20:30 horas a actuación My house is cloudy, da pianista Aida Sigharian, unha actividade enmarcada dentro da programación do ciclo de música contemporánea MIHL Sons XXI, na que a propia Sigharian realizará unha estrea absoluta: Elnaz Seyedi Field of Times.

A historia da cidade tamén ten un oco na axenda do xoves, coa conferencia A Muralla de Lugo e a Arqueoloxía. O arqueólogo Enrique Alcorta será o encargado de ofrecer esta charla, dende as 20:00 horas, no auditorio do Vello Cárcere, enmarcada dentro do programa Desenterrar o pasado.

Xa para o venres, a proposta da entidade local é a charla Roma na Banda Deseñada, a última do I Encontro de Banda Deseñada Histórica de Galicia. O ilustrador José Barreiro será o encargado de pechar as conferencias desta iniciativa enmarcada no Arde Lvcvs Cvltvral, ás 20:00 horas, no Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL).

En canto ao sábado, todas as persoas que queiran poderán aprender a debuxar castrexos e romanos da man do debuxante de cómic natural de Baralla, Miguel Fernández, de 11:00 a 13:00 horas no MIHL. Os e as interesadas nesta actividade, que pecha o encontro de banda deseñada, deben anotarse a través do 010 ou no teléfono 982-29-73-50 para os de fóra de Lugo.

Para os e as amantes da natureza, o Concello ten organizada a ruta do Ouro-Camiño  Real, unha andaina dende a aldea de Margaride, en Quiroga, cunha lonxitude de 16 quilómetros, unha duración de 5 horas e 20 minutos, e unha dificultade media-alta. O punto tanto de saída, ás 08:00 horas, como de chegada é a Casa da Xuventude. Os mozos e mozas que queiran participar poden anotarse nestas mesmas instalacións municipais.

Sábado tamén haberá música no Vello Cárcere a partir das 20:30 horas, dentro do ciclo de Liberdades Sonoras, impulsado polo Concello. Melagne, cinco músicos de pura raza, presentará o seu último traballo, Vento Bravo.

A fin de semana rematará cunha excursión dende Castroverde a Gondar, que versará sobre as arquitecturas no Camiño, enmarcada no plan turístico Terras de Auga e Cultura. As inscricións para esta actividade deben facerse na Oficina Municipal de Turismo e o punto de saída é a parada de autobús urbano da rúa  Anxo López Pérez, ás 10:30 horas.

Ademais, celebrarase un taller de petróglifos, Os sinais na pedras, no MIHL, das 17:00 ás 19:00 horas, a cargo da asociación de recreación histórica Trebas Galaicas. A inscirición tamén debe facerse a través do 010.

Noticias relacionadas