Desenvolvemento Local impulsa o emprendimiento da mocidade con formación que se desenvolverá en etapas do Camiño Primitivo

O concelleiro Mauricio Repetto presenta o programa ‘Lucus Raid, emprende o camiño’ para mozos e mozas menores de 30 anos, que “busca crear redes e economías colaborativas”.

Entre os fins da iniciativa, está axudar a inserción laboral dos colectivos con maiores dificultades ao mesmo tempo que se pon o valor o Camiño Primitivo.

O prazo de inscrición ábrese hoxe e pecharase o 31 de xullo.

Venres, 12 de xullo de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Desenvolvemento Local impulsa o emprendimiento da mocidade con formación que se desenvolverá en etapas do Camiño Primitivo

Un total de 15 lucenses emprenderán co Concello de Lugo dous itinerarios ao mesmo tempo, o da súa inserción laboral e o do Camiño Primitivo, co programa ‘Lucus Raid, emprende o camiño’ que se activa co obxectivo de formalos, aproveitando as etapas da ruta xacobea, para iniciar o seu proxecto empresarial.

A iniciativa foi presentada hoxe polo concelleiro de Desenvolvemento local e Emprego, Mauricio Repetto, que explicou que a iniciativa vai dirixida preferentemente a persoas desempregadas menores de 30 anos e a mulleres de Lugo que estean a buscar emprego ou con carencias para iniciar un negocio. “Pensamos nestes colectivos porque se atopan en situación de maior vulnerabilidade á hora de inserirse no mercado laboral”, incidiu.

A formación dos participantes realizarase percorrendo etapas do Camiño de Santiago durante unha semana, do 11 ao 16 de setembro. “No traxecto traballaremos cos eles para incentivar a súa creatividade e capacidade para innovar, para amosarlles as distintas oportunidades que se abren ante eles, para que desenvolvan habilidades que van máis alá do currículo formativo e para formarlles nos distintos pasos encamiñados a materializar as súas ideas de negocio, incluso pensando en iniciativas relacionados co rural e co mesmo Camiño”, avanzou o concelleiro.

Segundo explicou Maurico Repetto, o ‘Lucus Raid, emprende ou camiño’ nace para ser unha experiencia única onde, ademais de por en valor o Camiño Primitivo, os participantes “non só aprenderán e se motivarán, senón que probarán tamén a súa resistencia, o seu coñecemento e a súa capacidade de cooperación”. “Desde o Concello seguimos a apostar por impulsar as redes de emprendimento e pola creación de sinerxias para crear un ecosistema emprendedor no ámbito local, tendo en conta, ademais, o éxito que están a ter as economías colaborativas”, sostivo.

O programa previsto no itinerario será o percorrido do Camiño durante as mañás (20 quilómetros diarios de media) e o desenvolvemento de talleres formativos polas tardes, que estarán a cargo de especialistas en áreas estratéxicas para a posta en marcha de iniciativas empresariais. Ao mesmo tempo que se da a formación potenciarase a creación de lazos de cooperación entre os participantes.

 As etapas axustaranse ao percorrido tradicional do Camiño de Santiago durante os últimos 140,9 quilómetros do Camiño Primitivo, desde o antigo hospital de peregrinos en A Fonsagrada ata Santiago de Compostela.

O programa inclúe aloxamento en albergues e a manutención, así como un kit de peregrinos.

Inscrición

Os participantes deberá estar empadroado en Lugo e deberán inscribirse desde agora e ata o día 31 de xullo a través do correo norman.veiga@concellodelugo.org. Atenderanse as solicitudes por riguroso orde de inscrición e crearse unha lista de reserva.

As persoas interesadas deberán incluír os seus datos persoais e de contacto, así como seu proxecto empresarial.

O listado admitidos/as comunicarase na web do Concello de Lugo durante a primeira quincena de agosto, e os beneficiarios recibirán un correo electrónico para emprazalos a unha primeira reunión preparatoria da expedición).

Audio

Noticias relacionadas