Deseñadores lucenses amosarán os seus traballos na Gala da Moda, grazas a Concello e Deputación

Trátase do desfile solidario que organiza a Asociación de Creadores de Moda Lucenses, e que terá lugar o 30 de novembro no Círculo das Artes. A entrada será de 15 euros. Todos os fondos recadados irán destinados á Asociación Escola Shantidi

A gala contará cun deseñador invitado, así como 5 creadores de moda e varios artesáns de toda a provincia que ofrecerán traballos confeccionados para a ocasión

Martes, 21 de novembro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Deseñadores lucenses amosarán os seus traballos na Gala da Moda, grazas a Concello e Deputación

A Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, a Deputada de Cultura, Deseño e Artesanía, Pilar García; e a organizadora da gala Montserrat Arias, presentaron este martes, na Sala de exposicións do CENTRAD, a Gala da Moda, A Muller na Arte. Trátase do evento benéfico que organiza a Asociación de Creadores de Moda Lucenses, coa colaboración do Concello e a Deputación. O desfile terá lugar o vindeiro 30 de novembro, a partir das 21:00 horas, no Círculo das Artes de Lugo. Esta edición estará dedicada á figura da muller na arte, coincidindo co homenaxe que a Real Academia Galega rendeu á artista Maruja Mallo con motivo do Día das Artes Galegas. A gala é de carácter solidario pois todos os fondos recadados irán destinados á Escola Shantidi. O aforo será de 500 persoas e as entradas terán un prezo de 15 euros. No acto, tamén estiveron presentes deseñadores e artesáns participantes na gala.

Ana Prieto amosou o seu orgullo “por visibilizar o labor que realizan as mulleres a través deste desfile. Dende o Concello de Lugo sempre estaremos ao carón deste tipo de iniciativas que dinamizan económica, social e culturalmente a nosa cidade”.

Pola súa banda, García Porto explicou que “dende o Goberno da Deputación apoiamos esta iniciativa co obxectivo de poñer en valor e promocionar o traballo que están realizando os deseñadores e artesáns da provincia no eido da moda, así como o labor dos perruqueiros, modelos e estilistas que participan no desfile. O éxito da industria téxtil en Galicia é evidente, pois supón o 10% do PIB galego, sendo a comunidade que máis moda exporta en toda España e facturando máis de 22.400 millóns de euros”.

A Deputada de Cultura subliñou que “estamos orgullosos de contribuír, ademais, a promover e visibilizar a través da moda a fundamental actividade que desempeñan os colectivos sociais, como é o caso da Escola Shantidi, unha asociación que traballa en prol da igualdade para mellorar as condicións de vida dos nenos e nenas e das mulleres que viven nos lugares menos desenvolvidos da India”.

Arias Freire agradeceu o intenso apoio do Concello e da Deputación e destacou que “teremos o privilexio de que o desfile se celebre no Círculo das Artes, un dos entornos e espazos máis emblemáticos de Lugo”.

5 deseñadores de moda

Ata o momento, os deseñadores confirmados nesta Gala da Moda, A Muller na Arte son: Montse Arias, Sara Lage, Tina Corton, Manuela López e Epifanía Brand.Ademais, participarán varios artesáns e 16 modelos; 12 mulleres e 4 homes. O evento non sería posible sen a colaboración que prestan de xeito totalmente gratuíto e desinteresado varios colaboradores: MikangelsModel; Enigma Eventos; Ávalon Peluqueros; Mercedes Benz Ditram Automoción; Estrella Galicia; e Arenal.

Noticias relacionadas