A Deputación cederá ó Concello de Lugo a finca da Codeseira para construír o novo albergue de acollida de animais

Martes, 22 de xullo de 2008
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Gómez Besteiro destacou que a colaboración das tres Administracións foi decisiva para materializar o proxecto

A Deputación cederá ó Concello de Lugo a parte necesaria da finca da Codeseira, ubicada na parroquia de Santa María de Muxa e situada ó carón das actuais instalacións da Sociedade Protectora de Animais e Prantas, para a construción do novo albergue de animais. Así o deu a coñecer o Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, quen se desprazou ata o lugar acompañado do Alcalde, José López Orozco, a Concelleira de Servizos Xerais, Luisa Zarzuela, e o Delegado provincial de Medio Ambiente, Eduardo Vidal.

Deste xeito, a institución provincial cederá os terreos, mentres que o Concello será o encargado da redacción do proxecto. A Consellería de Medio Ambiente elaborará o Convenio e destinará 300.000 euros para a construción da infraestrutura. Neste senso, Gómez Besteiro destacou que "é bo que tres Administracións se poñan de acordo en algo que é bo para Lugo e a provincia. Agora o que toca é que en setembro se incie a redacción do proxecto que nos dirá canta parcela se necesita para construír o albergue. O resto será empregado para outros proxectos, xa que a Sociedade é tamén flora".

A finca, propiedade da Deputación, ten unha dimensión de 41.000 metros cadrados e fora adquirida no ano 1975 pola institución provincial para construír o hospital. A este respecto, o titular provincial indicou "que naquel momento xa andaban as cousas cerca de donde se ía instalar o novo hospital. No ano 1982 houbo unha cesión de 3.000 metros cadrados á Sociedade. Agora o proxecto diranos canto espazo ten que ser ocupado e canta será a superficie necesaria para a construción da infraestrutura".

Redacción do proxecto

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, subraiou o compromiso que asumen conxuntamente a Deputación, o Concello e a Xunta de Galicia para a posta en marcha do novo albergue. "Hai adquirido o compromiso que se vai materializar no menor tempo posible nun Convenio mediante o que a Deputación cede os terreos necesarios para facer unha nova sede da Sociedade Protectora que, ademais, xa se contempla no Plan Xeral de Ordenación Municipal".

Asimesmo, explicou que no Orzamento de 2008 xa están contemplados 90.000 euros para a redacción do proxecto. "Deste xeito, agardamos que no tempo menor posible Lugo poida ter unha nova sede, tal e como se merecen estes animais que son abandonados".

Pola súa banda, o Delegado provincial de Medio Ambiente, Eduardo Vidal, destacou que o convenio "vaise materializar este mesmo ano, aínda que a dotación económica incluirase no Orzamento de 2009. En todo caso, o refuxio estará rematado o ano que vén, e é froito da resposta a un problema que a provincia de Lugo e a capitalidade ten nestes momentos".

Instalacións actuais

As instalacións actuais da Protectora albergan preto de 400 animais, dos que o 60% teñen unha segunda oportunidade. O Presidente da Sociedade, Francisco Javier García Calleja, destacou que a nova sede debe conter instalacións que faciliten a limpeza, así como aulas que permitar ós estudantes a realización de prácticas. Neste senso, asegura que o novo albergue debería ter unha dimensión de alomenos 10.000 metros cadrados.

O Alcalde de Lugo aproveitou a ocasión "para pedirlle ós veciños que non abandonen os animais e que se den conta do eslogan eles non o farían. Aqueles que somos animais, pero racionais, temos a obriga de coidar ós animais que lle chaman irracionais".

Noticias relacionadas