Deportes licita a renovación do céspede dos campos de fútbol das Gándaras por medio millón de euros

Ademais, a área de Medio Rural consigna outros 140.000€ para a rexeneración do firme en tres estradas do municipio

Luns, 23 de decembro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Este próximo xoves, a concellería de Deportes pretende aprobar o proxecto de obra e o prego de cláusulas administrativas así como do gasto para a substitución do céspede artificial nos campos de fútbol municipal de As Gándaras I (241.492’82€) e II (255.376’02€).

Unha intervención que suporá un investimento próximo ao medio millón de euros, coa que se persegue mellorar o estado destas instalacións deportivas moi frecuentadas polos clubes e equipos da cidade para os seus adestramentos así como para a celebración de diferentes competicións e torneos.

Por outra banda, o concelleiro de Deportes e Medio Rural anunciou tamén que na  Xunta de Goberno local desta semana sacaranse a licitación varias actuacións para o arranxo de infraestruturas viarias no rural cun orzamento total de 139.953’59 euros.

“Trátase de obras da rexeneración do firme en tres estradas que precisan dunha reparación inmediata para corrixir o deterioro que presentan - indicou Miguel Fernández – como son a de Santa Eufemia, en Calde, por valor de 9.232’08€; na parroquia de Esperante, cun custo estimado de 102.099’95€ e en Santo Matías, na zona do Veral, que ten un presuposto de 28.621’56€

“Ademais, procederase a autorizar a prórroga, durante un ano, do contrato que mantemos coa Canteira do Penedo, para a subministración de grixo compacto e grava miúda, por importe de 50.000 euros e que finalizará o 18 de xaneiro de 2021”.

Noutro orden de cousas, o portavoz socialista adiantou que na última sesión do ano  o executivo local dará o visto bo para iniciar o procedemento de adquisición de calzado (12.610’76€) e pezas de  uniformidade como faixas lumbares, bridas e portaplacas (88.098’06€) para a Policía Local.

Audio

  • O concelleiro de Deportes e Medio Rural, Miguel Fernández, sobre as últimas contratacións do ano | Descargar mp3

Noticias relacionadas