Deportes destina 215.000 € á creación dun Skate Park de 900 m²

O recinto estará ubicado xunto ao equipamento do Centro Comercial as Termas e servirá para ampliar a oferta deportiva municipal

No deseño da instalación, apta para debutantes e expertos da patinaxe, tivéronse en conta as aportacións dos colectivos locais desta modalidade

Mañá a Xunta de Goberno Local adxudicará as obras, que terán un prazo de execución de 16 semanas. Na sesión tamén se aprobarán as bases das axudas para persoas con talento deportivo por valor de 24.000 €

Martes, 17 de novembro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Deportes destina 215.000 € á creación dun Skate Park de 900 m²

 O goberno de Lara Méndez, a través da área de Deportes, investirá 215.077’50 euros na creación dun Skate Park na cidade.

A pista, de 887 m², estará localizada na zona pública existente ao carón do centro comercial As Termas, entre a rúa Veiga Grande e a avenida Fabio Paulo Máximo.

Miguel Fernández explica que “se trata dunha instalación moi completa que servirá para a práctica das dúas modalidades principais do skateboarding: street e park, mantendo unha proporción e relación entre ambos espazos que lle aportará gran flexibilidade e que completarán a polivalencia da contorna que xa dispón de canchas de baloncesto e fútbol así como de varios parques infantís”.

O concelleiro sinalou que “para o seu deseño tivéronse en conta as aportacións dos colectivos locais que nos chegaron as súas propostas e preferencias para, na medida do posible, poder incorporalas ao proxecto”.

Así, os elementos que constituirán o recinto, sendo diferentes, se integran todos nun espazo único e completo, que permitirá aproveitalo no seu conxunto, con liñas de patinaxe para todos os gustos e apto tanto para debutantes como para usuarias e usuarios expertos”, destacou Miguel Fernández ao tempo que trasladou que este novo equipamento municipal estará rodeado por camiños pavimentados peonís e se habilitarán tamén aparcabicis preto dos accesos.

O edil de Deportes referiu que mañá, a Xunta de Goberno, adxudicará os traballos á empresa Roig I Fills Associats por ser a máis vantaxosa das 6 ofertas que se presentaron ao concurso.

“As obras terán un prazo de execución de 16 semanas e, ademais, nos cinco anos de garantía acordados, a propia compañía se encargará, asemade, da conservación da pista, velando polo seu axeitado mantemento”.

Por outra parte, tamén na sesión desta semana, o executivo local aprobará as bases para a concesión das axudas individuais ao talento deportivo. Unhas achegas municipais ás que a área de Deportes dedica 24.441’04 euros e que van dirixidas a deportistas empadroados en Lugo, nados entre 2001 e 2006, que se atopen federados, e que teñan acreditados resultados deportivos durante a pasada tempada.

“Entre os criterios de valoración figura a clasificación obtida tanto nos campionatos de España como de Galicia, así como a superación do curso académico”, indicou o concelleiro ao tempo que lembrou que as persoas interesadas en concorrer á convocatoria terán un prazo de 15 días hábiles para presentar a súa solicitude dende a publicación da mesma no Boletín Oficial da Provincia.

Audio

  • O edil de Deportes, Miguel Fernández, sobre a adxudicación do Skate Park | Descargar mp3

Noticias relacionadas