Deportes anuncia que o vindeiro 29 de maio terá lugar o 52º Memorial “Gregorio Pérez Rivera” e I Trofeo “Mariano Castiñeira Vilaseca”

Poderán participar os atletas federados con ficha pola Federación Galega de Atletismo aínda que pertenzan a clubes de outras Comunidades Autónomas.

A competición non contará con presenza de público nas gradas do Estadio Municipal Gregorio Pérez Rivera.

Mércores, 26 de maio de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Deportes anuncia que o vindeiro 29 de maio terá lugar o 52º Memorial “Gregorio Pérez Rivera” e I Trofeo “Mariano Castiñeira Vilaseca”

A área de Deportes do Concello de Lugo, que dirixe Mauricio Repetto anunciaba no día de hoxe, que o 52º Memorial “Gregorio Pérez Rivera” e I Trofeo “Mariano Castiñeira Vilaseca”, proba realizada en colaboración coa Delegación da FGA en Lugo, terá lugar o vindeiro 29 de maio, en xornada de mañá e tarde, na pista ao aire libre do Estadio Gregorio Pérez Rivera.

A presentación, ademais do edil asistiu Jose Peña, delegado da Federación de Atletismo, que se mostrou moi agradecido por todas as facilidades que dende o Concello lle puxeron. O concelleiro destacou o que significa para a cidade de Lugo este evento deportivo ao tempo que destacou a “gran labor de Mariano Castiñeira para poñer en valor o atletismo tanto na cidade coma na provincia de Lugo”, lembrando tamén o papel que tivo na promoción de grandes atletas coma son Tito Margaride ou Adrián Ben.

O comezo da proba será ás 11.00 horas e prolongarase ata as 20.10 horas coa proba estrela do dia como son os 5000m (sub 18-máster) – I Trofeo Mariano Castiñeira. Esta proba, está reservada a atletas federados, e as inscricións remataron xa o pasado martes 25 de Maio.

Todos os participantes deberán cumprir o protocolo COVID-19 establecido pola FGA, así coma as indicacións do Responsable COVID-19 da FGA. O acceso á instalación será restrinxido e controlado e poderá acceder un adestrador por cada 10 atletas inscritos de cada clube. Con motivo das circunstancias que estamos a vivir o evento non contará con aforo quedando o 100% das instalacións dispoñibles para os atletas.

Gregorio Pérez Rivera:

Gregorio Pérez Rivera pódese considerar como o gran promotor e iniciador do  atletismo lucense na segunda metade do século pasado na súa dobre vertente de directivo e adestrador, un home apaixonado polo atletismo con uns enormes coñecementos,  un autodidacta entonces en España onde había moi poucos adestradores de atletismo no que foi a época dourada do atletismo lucense,  predecesor dun atletismo que tería a súa continuidade na actualidade aglutinando a grande parte do atletismo lucense da época dirixindo a numerosos atletas tales como Alfredo Sánchez Carro ou José Núñez Torrón.

Mariano Castiñeira Vilaseca:

Mariano  Castiñeira, consumado  ultrafondista, destacou en probas de 100 quilómetros, Mariano exerceu como médico na localidade da Pontenova, onde descubriría a un novísimo Tito  Margaride, ao que tutelou deportivamente en toda a súa carreira e que estivo a piques de clasificar para os  JJOO de Barcelona.

Da man de Mariano tamén xurdiron destacados fondistas do panorama lucense como María Abel ou Alessandra Aguilar, ambas as presentes en varios JJOO ou tamén outros internacionais como Alberto  Alvárez, Carlos  Villamor ou Adrián Ben.

Comezou a súa carreira como adestrador no ano 1980, e foi un dos fundadores do  actul club lucense de atletismo Lucus  Caixa Rural: Formou a Adrián Ben, Alessandra Aguilar, María Abel, Tito  Margaride ou Miguel González. Un símbolo do atletismo galego por algo máis que polos seus labores de adestrador xa que non soamente foi o artífice da formación deportiva de grandes atletas senón o protagonista dunha forma humanista de entender o deporte e a vida.

Audio

  • O delegado da Federación de Atletismo, Jose Peña, sobre o Memorial "Gregorio Pérez Rivera" | Descargar mp3
  • O edil de Deportes, Mauricio Repetto, sobre o Memorial "Gregorio Pérez Rivera" | Descargar mp3

Noticias relacionadas