A Delegada de Urbanismo recorda á cidadanía a necesidade de manter en boas condicións os soares non edificados

Luns, 16 de marzo de 2009
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Delegada de Urbanismo do Concello de Lugo, María Novo, manifestou o interese do Equipo de Goberno de manter limpos os soares da cidade que non están edificados,  sobre todo nesta época do ano.  A Delegada lembrou que na Lei do Solo de Galicia existe unha obriga para todos os propietarios de soares de mantelos en condicións de salubridade, de ornato e medioambientais.

Novo indicou que o Concello tramitou no último ano un total de 237 expedientes de limpeza de malezas en fincas e manifestou a satisfacción do Goberno Local "porque en xeral a xente entende moi ben esta obriga e as razóns polas que se tramitan e prácticamente a metade dos veciños xa realizaron as actuacións requeridas". A Delegada recordou "a todos aqueles que aínda non o fixeron e a todos os que non teñen expedientes abertos pero que as súas fincas non están en boas condicións que deberían proceder a súa limpeza no mínimo tempo posible".

A Delegada explicou que no caso dos soares nos que non se realicen as labores de limpeza por parte dos propietarios existen dúas vías de execución: faino a Administración Local pasándolle o custo da limpeza aos propietarios; ou coas multas coercitivas, tal e como establece a Lei do Solo de Galicia.

Pola súa banda o Concello está a realizar a limpeza dos soares municipais a través da empresa encargada da limpeza municipal. Estas accións incrementaranse nos meses de maio e xuño tamén na zona rural para evitar problemas de salubridade e a posibilidade de que se produzan incendios.

Multimedia

Noticias relacionadas