A Delegada de Urbanismo confirma que a tramitación do Plan Xeral está a cumprir os prazos previstos

Luns, 28 de xullo de 2008
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Delegada de Urbanismo do Concello de Lugo, María Novo, deu conta dos asuntos tratados na Comisión Especial de Estudo do Planeamento que tivo lugar esta mañá, e que foi convocada o pasado mércores a primeira hora, a iniciativa da recén nomeada delegada municipal.

María Novo explicou aos grupos políticos presentes na xuntanza, onde tamén estivo o Alcalde de Lugo, José López Orozco e o equipo redactor do plan, a situación actual de tramitación do Plan Xeral de Ordenación Municipal.

María Novo explicou que na xuntanza deron conta dos distintos pasos que deu o documento urbanístico dende a última xuntanza da Comisión. “Comunicámoslles aos grupos que dende o 4 de xullo o Plan foi enviado a Estradas da Xunta e do Estado, a Confederación Hidrográfica do Miño e á Consellería de Cultura que neste momento xa contan coa documentación do PXOM. inclúe as modificacións necesarias motivadas polos informes sectoriais que no seu momento remitiron estas administracións”.

A documentación foi enviada a cada organismo en soporte informático, excepto a Cultura que a pediu en papel. A Delegada de Urbanismo tamén explicou que a petición desta Consellería, o pasado día 16 de xullo, remitíronse todos os tomos do PXOM, “os que non se remitiran antes era porque non tiñan relación co informe feito por Cultura, de todos os xeitos a nosa intención é colaborar ao máximo coa Consellería e xa se remitiron de inmediato todos os documentos”.

A responsable de Urbanismo tamén anunciou na xuntanza que xa está a disposición dos grupos unha copia do PXOM para que o consulten se o desexan en Secretaría municipal.

Outro dos puntos tratados na Comisión foi o da incidencia da lei 6/2008 do 19 de xuño de medidas urxentes en materia de vivenda e solo. A lei do 2008, segundo Novo, incorpora novidades en canto ao réxime de vivenda de protección con reservas específicas. María Novo explicoulles aos responsables políticos que “esta lei non inflúe en absoluto no calendario de aprobación do Plan, é unha cuestión de contido do documento. No Plan, unha vez que xa se coñecía a lei, decidiuse a incorporación dunhas reservas do 40% de vivenda protexida. Cando se aproba a lei plantéxase como adaptar as pequenas modificacións da lei aprobada definitivamente e xa en vigor, ao planeamento, e isto foi o que se tratou na xuntanza de hoxe”.

María Novo mantén o calendario presentado no mes de maio polo Alcalde lucense, e entre os meses de outubro a novembro está prevista a aprobación provisional do Plan Xeral nun Pleno que poderá ser ordinario ou extraordinario.

Noticias relacionadas