As deficiencias construtivas do novo auditorio de Lugo obrigan ao Concello a investir máis dun millón de euros para poder abrilo

A alcaldesa presentou o proxecto para arranxar danos en cubertas, fachadas, revestimentos e pavimentos dun edificio que a Xunta entregou sen mantemento e coas garantías caducas.

Ademais de resolver as lesións, a Administración local acometerá actuacións para solucionar os problemas de construción, que están a provocar filtracións e deterioro en todo o edificio.

O Concello deberá acometer unha urbanización do exterior de moita maior envergadura que o axardinamento previsto para reconducir o acceso cara a fachada principal, na rúa Madanela.

O obxectivo, incidiu Lara Méndez, é abrir a licitación das obras este mes “para poñer o Auditorio ao servizo da cidadanía o antes posible, pero nunhas condicións óptimas e de máxima seguridade e funcionalidade”.

Martes, 07 de xuño de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
As deficiencias construtivas do novo auditorio de Lugo obrigan ao Concello a investir máis dun millón de euros para poder abrilo

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, presentou hoxe o proxecto de execución do novo auditorio, que recolle as obras que terá que desenvolver a Administración local co fin de arranxar as deficiencias e danos que presenta o edificio derivadas dos seus problemas estruturais e das deficiencias construtivas, pero tamén da falta de mantemento do mesmo por parte da Xunta de Galicia desde que finalizou a súa execución, en abril do 2016, e ata que o Concello o recibiu a finais de xuño do 2020.

A rexedora, acompañada da tenenta de alcaldesa, Paula Alvarellos, e dos arquitectos do proxecto, avanzou que finalmente, tras a última avaliación, o investimento municipal ascenderá a máis dun millón de euros. “É dicir, destinaremos un novo investimento millonario para poder abrir o novo auditorio - que aínda non foi inaugurado nin estreado - debidamente acondicionado e urbanizado e con todas as garantías de seguridade para o público, o que supón unha burla para a cidadanía de Lugo”, destacou.

A este respecto, Méndez lembrou que no momento da recepción, o Concello intentou entregar á Xunta os informes dos técnicos municipais onde xa daban conta dalgunhas das deficiencias advertidas nas dúas únicas visitas que lles deixaron realizar previamente e sen que, en ningunha desas ocasións, puidesen probar o funcionamento dos equipamentos. Entón, se calculaba que o investimento municipal ascendería a máis de 300.000 euros, pero, “unha vez recepcionado o inmoble, atopámonos cun deterioro maior, con que a Xunta non realizara as probas dos equipamentos nin o mantemento do inmoble e con todas as garantías caducas”.

Por iso, ante a necesidade de avaliar con exactitude as condicións nas que se encontraba a construción co fin de que a súa apertura non supuxera ningún risco para as persoas usuarias e traballadoras, a Administración local procedeu a encargar unha avaliación global, mentres poñía a punto as instalacións eléctricas, de climatización, ascensores, sistemas de seguridade contra incendios, intrusión ou ventilación.

Dos primeiros estudos realizados tras a recepción (onde se cifraban en máis de 200 as deficiencias a arranxar) ata o proxecto de execución final, arquitectos e técnicos foron apreciando máis deficiencias que necesitarán intervención en dous eidos, segundo incidiu a alcaldesa.

Por unha banda, o proxecto abrangue actuacións encamiñadas a reparar os numerosos danos que presenta o inmoble, pero tamén os problemas estruturais e deficiencias construtivas “que, de non solucionarse, nos obrigaría a realizar de novo obras máis adiante xa que están causando lesións no mesmo”, aclarou. Estas deficiencias, causadas por humidades procedentes do exterior, ben sexa polas cubertas planas, ben polo muro de soto sito na zona Leste ou pola zona de urbanización, afectan ás cubertas, fachadas, estruturas, carpintería exterior, revestimentos interiores e pavimentos.

Por outra banda, será necesario desenvolver a urbanización do exterior do Auditorio, con actuacións de moita maior envergadura que o seu simple axardinamento, como estaba previsto inicialmente, xa que é necesario reconducir o acceso cara a fachada principal, que non é, como podería parecer, a que se abre a Magoi, senón a da rúa Madanela, que agora se presenta como una entrada secundaria.

A este respecto, Lara Méndez sostivo que a profunda remodelación da urbanización dará, ademais, solución a patoloxías do edificio tamén detectadas nas áreas exteriores, “e aproveitarase para mellorar a accesibilidade ao inmoble e para enriquecer os espazos exteriores co fin de que dean apoio á funcionalidade cultural do Auditorio, creando áreas estanciais axardiñadas e zonas de concertos e festivais ao aire libre”, explicou.

O obxectivo, incidiu a alcaldesa, é, “xa co proxecto de execución finalizado, abrir canto antes o proceso de licitación das obras co fin de poñer o Auditorio ao servizo da cidadanía o antes posible, pero nunhas condicións óptimas e de máxima seguridade e funcionalidade”.

Actuacións

Marcos Failde, arquitecto do proxecto, explicou, entre outras, algunhas das principais actuacións:

Arranxar as causas das filtracións procedentes do exterior. Será necesario:

  • Cubrir os patios das cubertas planas (onde están instaladas as maquinarias) porque provocan un efecto estanque e a través delas se filtra auga que se distribúe por todo o edificio.
  • Impermeabilizar o respiradoiro, defectuoso, da zona Sur axardinada.
  • Darlles solución ás xuntas de dilatación do edificio, mal executadas, e que provocan filtracións e inicio de corrosión.
  • Desatascar sumidoiros, canlóns e baixantes.
  • Arranxar as comportas das saídas de fumes que provocan goteiras nos escenarios.
  • Retirar e reconstruír a cuberta plana que dá a cafetería xa que provoca filtracións e solucionar as pendentes non resoltas, que causan anegamentos.
  • Reparar o muro do soto onde está a instalación eléctrica, polo que entra gran cantidade de auga ao estar as pasatubaxes mal resoltas.

Urbanizar en profundidade a parcela exterior:

  • Ampliar as beirarrúas e adecuación dos espazos para crear novas áreas de estancia, indicadores e mobiliario que sinalen a entrada principal.
  • Cambiar a entrada aos garaxes.
  • Mellorar a accesibilidade á porta principal cunha ampla escalinata e ramplas.
  • Creación dunha zona de concertos e festivais con bancada ao aire libre, aproveitando espazos agora baleiros.
  • Recuperar a carballeira.

Audio

Documento

 

Multimedia

  • As deficiencias construtivas do novo auditorio de Lugo obrigan ao Concello a investir máis dun millón de euros para poder abrilo
  • As deficiencias construtivas do novo auditorio de Lugo obrigan ao Concello a investir máis dun millón de euros para poder abrilo
  • As deficiencias construtivas do novo auditorio de Lugo obrigan ao Concello a investir máis dun millón de euros para poder abrilo
  • As deficiencias construtivas do novo auditorio de Lugo obrigan ao Concello a investir máis dun millón de euros para poder abrilo
  • As deficiencias construtivas do novo auditorio de Lugo obrigan ao Concello a investir máis dun millón de euros para poder abrilo

Noticias relacionadas