Darío Xohán Cabana, pregoeiro do San Froilán 2015

O escritor e membro da RAG obtivo o consenso dos seis grupos políticos da Corporación, ao tratarse dunha persoa “de recoñecido prestixio que reúne sobradamente os méritos e requisitos necesarios”, subliñou a Alcaldesa

A rexedora e Carmen Basadre avanzaron na Comisión de Festas os concertos da banda de rock M-Clan e as agrupacións galegas Luar na Lubre e Riobó

Lara Méndez anunciou que o Goberno ultima o borrador da nova ordenanza reguladora dos aparcamentos para, “tal e como nos comprometemos, reunirnos co tecido veciñal en setembro e escoitar as súas propostas”

Martes, 18 de agosto de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comisión de festas

A Comisión Especial de Festas acordou este martes por unanimidade nomear ao escritor e académico Darío Xohán Cabana como pregoeiro do San Froilán 2015, segundo avanzou a Alcaldesa, Lara Méndez, ao finalizar a reunión. A proposta do escritor e membro da Real Academia Galega (RAG), que ademais é funcionario do Concello, “obtivo o consenso de todos os grupos políticos representados na Corporación, ao tratarse dunha persoa de recoñecido prestixio que reúne sobradamente os méritos e requisitos necesarios” para ofrecer o pregón dos festexos patronais lucenses, subliñou a rexedora.

Nado en Roás (Cospeito) no ano 1952, Dario Xohán Cabana é autor de medio cento de obras, entre outras, de poesía,  Roman­ceiro da Terra Cha (1973), VIII frag­mentos (1987), Amor e tempo liso (1987), Patria do mar (1989), Canta de cerca a morte (1994) e Cabalgada na brétema (2006); de narrativa, Galván en Saor (1989), Fortunato de Trasmundi (1990), Vidas senlleiras (1992), O cervo na torre (1994), Morte de rei (1996), e Mitos e memorias (2003). Realizou tamén varias antoloxías de poesía galega, e algúns estudos históricos como Modios e moios: nota sobre metroloxía galega medieval, A chegada a Lugo do primeiro tren e Cunqueiro e Don Hamlet en Lugo. Publi­cou traducións do Cancioneiro de Petrarca (en 1989 e outra nova no 2012), A Divina Comedia (pola que lle foi outorgada a Medalla de Ouro da cidade de Florencia) e a Vida nova de Dante, e Os Tres Mosque­teiros de Alexandre Dumas. Compilou e traduciu unha Antoloxía do Dolce Stil Novo e outra de Os trobadores de Occitania.

Novos concertos

A designación do pregoeiro das festas foi un dos asuntos tratados na Comisión de Festas desta mañá, na que a Alcaldesa e a Concelleira de Cultura, Carmen Basadre, deron a coñecer tres novos concertos: a banda de rock M-Clan, e as agrupacións galegas Luar na Lubre e Riobó, que actuará con Treixadura, outras das actuacións xa anunciadas, xunto con Auryn e Los Chikos del Maíz.

Concurso de polbeiros

Tamén se acordou potenciar o Concurso de Polbeiros, do que se celebrará a segunda edición, aumentando o número de participantes (de 6 pasarán a 8) e maior contía económica dos premios (o primeiro galardón pasa de 600 a 1.000 euros). Os interesados en participar no certame, que terá lugar no Mercado Municipal de Abastos, poderanse inscribir ata o día 22 de setembro. O xurado puntuará o sabor do polbo, a textura e punto de cocción, o adobo, e o corte e presentación.

Entre as propostas da oposición figuran iniciativas xa previstas, como o impulso do Concurso de Polbeiros, ao que xa se dá resposta co devantido incremento de participantes e premios; a ampliación dos horarios dos buses, medida que se adopta todos os anos; apertura dos museos, que manteñen o horario de verán; ou un plan de seguridade, a instalacións de aseos públicos e a inclusión no programa das festas dun mapa coas zonas de aparcamento e os horarios dos buses. En canto á posible realización dunha proba deportiva no Camiño de Santiago, o Goberno tomou nota da proposta, aínda que estuda organizala fóra das datas do San Froilán.

Aparcadoiros

Por outra banda, a Alcaldesa anunciou que o Concello ultima “o borrador da nova ordenanza reguladora de aparcadoiros para, tal e como nos comprometemos, reunirnos a primeiros de setembro cos colectivos veciñais, comerciantes e hostaleiros co fin de escoitar as súas propostas e chegar a consensos”. Aínda que o Goberno fixou 8 meses para redactar a nova ordenanza e resolver a adxudicación da ORA, a rexedora non descartou que os prazos se reduzan. 

Audio

Noticias relacionadas