Da comezo a fase final da peonalización de Quiroga Ballesteros

Rubén Arroxo: “as obras avanzan a bo ritmo, e agardamos que rematen nas vindeiras semanas”

O Tenente de Alcalde agradeceu a colaboración da veciñanza e das comerciantes da zona

Venres, 09 de abril de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Da comezo a fase final da peonalización de Quiroga Ballesteros

O Tenente de Alcalde, Rubén Arroxo, informou do estado actual dos traballos de peonalización da rúa Quiroga Ballesteros. Arroxo explicou que “nestes días entrouse na fase final dos traballos, que se estenderá durante as vindeiras semanas ata completar a peonalización desta rúa”.  “Unha vez rematen os traballos de Quiroga Ballesteros, a práctica totalidade do casco histórico estará humanizado e convertido en espazo peonil”, declarou o Tenente de Alcalde, que engadiu “estamos a falar dunha das zonas máis importantes da cidade, onde se localizan instalacións históricas como a Praza de Abastos e o Mercado Municipal”.

Rubén Arroxo agradeceu “a colaboración tanto da veciñanza como das comerciantes da zona polas molestias que ocasionan as actuacións deste tamaño”, e destacou tamén “a disposición da empresa e das traballadoras e traballadores para realizar esta actuación co mellor ritmo posíbel, tratando de reducir ao máximo as molestias ocasionadas”. Os traballos que se están a realizar na rúa inclúen a renovación do saneamento, as instalacións eléctricas e o alumeado público, ademais da renovación de rexistros e o mobiliario urbano para a nova rúa peonil.

“Continuamos a traballar na humanización e peonalización das distintas zonas da cidade, poñendo ás persoas no centro da mobilidade de Lugo”, explicou o edil nacionalista, que lembrou que “esta semana aprobouse o procedemento de licitación da peonalización de dúas rúas no barrio de Recatelo, o que mellorará a imaxe dun barrio histórico, e que o converterá nunha zona de paseo importante unindo a contorna do Parque de Rosalía coa Muralla e o casco histórico”.

Audio

  • O concelleiro de Mobilidade e Infraestruturas, Rubén Arroxo, sobre a peonalización da rúa Quiroga Ballesteros | Descargar mp3

Multimedia

  • Da comezo a fase final da peonalización de Quiroga Ballesteros
  • Da comezo a fase final da peonalización de Quiroga Ballesteros

Noticias relacionadas