A cultura na (des)igualdade: o novo faladoiro feminista que celebran Concello e Deputación este venres, no Pazo de San Marcos

Laura Freixas dirixirá o relatorio, que organiza a entidade local e a provincial, en colaboración co Foro Feminista Maruja Mallo. É a partir das 20:00 horas e a entrada é gratuíta ata completar aforo

Martes, 05 de febreiro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A cultura na (des)igualdade: o novo faladoiro feminista que celebran Concello e Deputación este venres, no Pazo de San Marcos

A cultura na (des)igualdade centrará o novo faladoiro feminista que celebran Concello e Deputación este venres, 8 de febreiro, neste caso no salón de actos do Pazo de San Marcos. Esta é a cuarta das 7 charlas e conferencias que organiza a entidade local e a provincial, en colaboración co Foro Feminista Maruja Mallo ata o mes de maio, baixo a segunda edición da iniciativa dos Faladoiros Feministas. Todas as intervencións son ás 20:00 horas no Vello Cárcere, salvo a deste venres, que se muda á Deputación, e a entrada é gratuíta ata completar aforo.

Laura Freixas dirixirá este relatorio. Licenciada en Dereito, sempre se dedicou á escritura. Fundou e dirixou a colección literaria El espejo de tinta e tamén dirixiu un número monográfico de Revista de Occidente. É columnista de La Vanguardia, foi crítica literaria para El País e sempre desenvolveu un intenso labor como investigadora e promotora da literatura escrita por mulleres. Foi cofundadora da asociación Clásicas e Modernas, que no 2016 impulsou o Día das Escritoras.

A iniciativa dos Faladorios Feministas naceu o pasado ano co fin de crear un espazo de reflexión e estudo sobre o papel da muller na actualidade, dende un punto de vista feminista. Ata o mes de maio ofreceranse as seguintes charlas: Son as mulleres vulnerábeis: pensando a xustiza e a igualdade, a cargo de María Xosé Agra o 15 de marzo; A vida laboral das mulleres, a cargo de Marisa Soleto o 26 de abril e A fábrica social da feminidade, a cargo de Mercedes Expósito, o 24 de maio.

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana Abelleira, fixo fincapé na importancia destes faladoiros, que lle amosan á cidadanía dun xeito cercano o significado real do movemnto social do feminismo, imprescindible para acadar a igualdade real e efectiva de dereitos entre as mulleres e os homes. De aí, que estas conferencias se centren en diversos ámbitos; social, cultural ou económico, entre outros.

Audio

Noticias relacionadas