Cultura e tradición conmemoran o Día de Defuntos no cemiterio municipal de San Froilán, que celebra o seu 70 aniversario

Rosana Rielo presentou a programación que acollerá o camposanto lugués, que conta co mellor monumento arquitectónico e coa mellor actividade de portas abertas

Música clásica, unha ofrenda floral, o concerto de Noemi Mazoy, unha visita guiada teatralizada e a representación da obra Don Juan Tenoria compoñen o programa

Unha vez máis celebrarse o tradicional Mercado das Frores na Praza de Abastos. Este ano amplíase un día máis, será o luns, martes e mércores, 29, 30 e 31 de outubro, dende as 08:00 ás 20:00 horas

Continúa aberto o prazo de matrícula, ata o 25 de novembro, para o I Congreso Iberoamericano Cultura e Memoria, un dos poucos destas características en España, que acollerá o Vello Cárcere o 30 de novembro e 1 de decembro

Mércores, 24 de outubro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Cultura e tradición conmemoran o Día de Defuntos no cemiterio municipal de San Froilán, que celebra o seu 70 aniversario

A Concelleira de Concello e Cidadanía, Rosana Rielo, presentou este mércores, na Sala de Usos Múltiples do Edificio de Novas Tecnoloxías, as distintas actividades culturais que ten programadas a entidade local para conmemorar o Día de Defuntos no cemitero municipal de San Froilán, que celebra o seu 70 aniversario.

Para o día 1 de novembro, o Concello ten programada múscia clásica ao longo de toda a xornada no camposanto lugués, que conta co mellor monumento arquitectónico e coa mellor actividade de portas abertas de cemiterios, en dous concursos da revista Adiós Cultural, do 2015 e 2017, respectivamente. Ao día seguinte, o 2 de novembro, celebrarase a tradicional ofrenda floral que a Corporación Municipal lle fai aos defuntos, a partir das 17:00 horas.

O día 5 de novembro, o cemiterio municipal acollerá o concerto da soprano Noemi Mazoy, dende as 20:00 horas. É unha actividade gratuíta pero é necesario retirar invitación na Sección de Cemiterios, na Ronda da Muralla, 197.

A entidade local tamén preparou unha visita guiada teatralizada, a cargo de Achádego Teatro, o día 11 de novembro, dende as 17:00 horas, e a representación da obra de Don Juan Tenorio, da man da Aula de Teatro da USC, o 27 de novembro, ás 21:00 horas. Para estas dúas actividades tamén é necesario retirar invitación.

Mercado das frores

Rosana Rielo tamén lembrou a celebración, unha vez máis, do tradicional Mercado das Frores na Praza de Abastos pola festividade do Día de Defuntos. Este ano amplíase un día máis, e será o luns, martes e mércores, 29, 30 e 31 de outubro, dende as 08:00 ás 20:00 horas.

I Congreso Iberoamericano Cultura e Memoria

A edil tamén quixo recordar a celebración en Lugo do I Congreso Iberoamericano Cultura e Memoria, un dos poucos desta temática e tipoloxía que se celebran en España. Trátase dunhas xornadas organizadas polo Concello e a USC, que versarán sobre As perspectivas da morte e que terán lugar os días 30 de novembro e 1 de decembro no auditorio do Vello Cárcere.

O programa abrangue distintos eixes temáticos: representacións da morte na historia, ritos funerarios e morte nas distintas culturas, antropoloxía da morte e grandes cemiterios monumentais. Haberá conferencias, comunicacións e mesas redondas; todo elo cun obxectivo: crear un foro de debate e estudo das distintas achegas científicas e de investigacións que neste ámbito proporcionen información precisa a través da cal poder abordar conceptual e culturalmente a morte. 

Todas as persoas interesadas en participar poden inscribirse, de xeito gratuíto, ata o 25 de novembro, a través da nova web do Cemiterio Municipal, cemiterio.lugo.gal. Nesta mesma ligazón pódese consultar toda a programación.

Audio

  • Rosana Rielo, sobre o Día de Defuntos no cemiterio | Descargar mp3

Multimedia

  • Cultura e tradición conmemoran o Día de Defuntos no cemiterio municipal de San Froilán, que celebra o seu 70 aniversario

Noticias relacionadas