Cristina López presenta a campaña de Nadal para a Praza e Mercado “O noso Mercado é un agasallo”

Todas as persoas que realicen unha compra de máis de 40 euros na Praza de Abastos e Mercado, os sábados recibiran un agasallo

Cristina López “traballamos da man cos distintos negocios da Praza e do Mercado para resaltar o potencial de ambos servizos públicos”

Xoves, 03 de decembro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Cristina López presenta a campaña de Nadal para a Praza e Mercado “O noso Mercado é un agasallo”

A concelleira da área de Participación e Servizos á veciñanza, Cristina López, presentou a campaña para este Nadal baixo o lema “O noso mercado é un agasallo”, na que se incentiva o consumo na Praza de Abastos e o Mercado Municipal.

Cristina López destacou a importancia de consumir produtos de proximidade no comercio local. A concelleira destacou a importancia do pequeno comercio, que demostrou o seu papel crucial durante esta crise sanitaria.

A edil de Participación anunciou que “durante os sábados do mes de decembro a Praza de Abastos será o mellor lugar para comprar”. Cristina López afirmou que “todas as persoas que realicen compras por valor de 40 euros ou máis nos distintos postos da praza recibirán un agasallo”.

A área de Participación habilitará un posto durante os sábados no horario de apertura da Praza para que todas as persoas poidan achegarse cos tiques dos distintos postos da Praza e do Mercado e canxealos polos agasallos que se entreguen ese día, entre os que destacan varios deseños de bolsas reutilizábeis serigrafiadas cos cadros gañadores do certame de Pintura Rápida e calendarios do ano 2021 con fotos históricas da Praza e o Mercado.

 “Dende a área de Participación traballamos da man cos distintos negocios da Praza e do Mercado para resaltar o potencial de ambos servizos públicos como un referente no centro da cidade”, afirmou Cristina López, que lembrou as accións postas en marcha durante este ano como o servizo de reparto a domicilio e de pre-encarga, “un servizo que foi moi reclamado pola veciñanza e que tivo unha gran aceptación”, segundo indicou a edil de Participación.

Audio

  • A concelleira da área de Participación e Servizos á veciñanza, Cristina López, sobre a campaña de Nadal, na Praza e no Mercado | Descargar mp3

Noticias relacionadas