A Corporación Municipal realiza a tradicional ofrenda aos defuntos no Cemiterio de San Froilán

Rosana Rielo foi a encargada de dar a benvida aos asistentes a este acto de homenaxe e lembranza, que tivo lugar na entrada principal do cemiterio

Xoves, 02 de novembro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Corporación Municipal realiza a tradicional ofrenda aos defuntos no Cemiterio de San Froilán

Membros da Corporación Municipal cumpriron este xoves coa tradicional ofrenda floral aos defuntos lugueses. A Concelleira de Concello e Cidadanía, Rosana Rielo, foi a encargada de dar a benvida aos asistentes a este acto, que tivo lugar na entrada principal do cemiterio municipal de San Froilán. Este acto de homenaxe e lembranza aos defuntos, incluíu unha actuación musical da coral Lugh.

O vindeiro sábado, día 4 de novembro, celebrarase unha andaina polo Camiño Primitivo ata o cemiterio. O punto de saída establécese na Porta do Carme, ás 10:30 horas. O recorrido ten unha distancia aproximada de 5 quilómetros. Para participar nesta actividade é preciso inscribirse, ben a través do teléfono de atención cidadá 010 ou no Negociado do cemiterio, no Centro de Servizos Municipais. A data límite é o día 3. Os e as menores de idade deberán ir acompañados e con autorización dos seus titores legais. O Concello aconsella que cada persoa participante vaia provista de calzado cómodo, auga e un chaleco reflector.

Ao día seguinte, o 5 de novembro, o taller de arte dramática da USC-Lugo, Espazo 10 e Palimoquiños realizarán unha lectura dramatizada de Don Juan Tenorio. A entrada é de balde, pero deberanse retirar as invitacións previamente, pois existe un número limitado de 50 prazas, no Negociado de Cemiterio.

O día 8 de novembro, a partir das 19:00 horas, no cemiterio municipal celebrarase o Concerto da Lembranza e para o día 9 de novembro, ás 19:00 horas, está previsto un roteiro nocturno, con número limitado de 30 prazas. As inscricións tamén deben facerse no 010 e no Negociado de Cemiterio.

Noticias relacionadas