A Corporación local rexeita sen fisuras a violencia contra a muller

O Pleno municipal aprobou esta mañá, coincidindo coa celebración do 25N, unha Declaración Institucional na que manifestou a súa máis enérxica repulsa ás agresións machistas.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acadou tamén a unanimidade dos grupos para condecorar coa Medalla de Ouro do Concello de Lugo aos servizos municipais que desenvolveron o seu traballo de forma presencial durante o Estado de Alarma.

Xoves, 25 de novembro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Corporación local rexeita sen fisuras a violencia contra a muller

A Corporación local rexeitou esta mañá, sen fisuras, a violencia contra a muller.

O Pleno municipal aprobou, durante a sesión ordinaria celebrada esta mañá, unha Declaración Institucional na que manifestou a súa máis enérxica repulsa ás agresións machistas.

A alcaldesa, Lara Méndez, lembrou que “detrás da cifra de vítimas que ocasiona esta lacra en España - 1.117 mulleres e 44 nenas e nenos asasinados desde o 2003 – existen familias enteiras que padecen as súas consecuencias; está o sufrimento de toda unha sociedade que nun día coma hoxe quere amosar publicamente a súa condena total e absoluta a calquera tipo de ataque físico ou psicolóxico, completamente intolerable, que atente contra a dignidade da muller”.

Por outra banda, a rexedora acadou tamén a unanimidade dos grupos para condecorar coa Medalla de Ouro do Concello de Lugo aos servizos municipais que desenvolveron o seu traballo de forma presencial durante o Estado de Alarma.

O recoñecemento súmase así ao outorgado o ano anterior aos colectivos profesionais que cubriron os servizos esenciais no inicio da COVID como foron o sector sanitario e farmacéutico, os servizos sociais, as forzas e corpos de seguridade e o sector agroalimentario, transportistas, etc.

As Medallas de Ouro do Concello de Lugo dámbalas dúas edicións se entregarán nunha cerimonia conxunta que terá lugar o próximo martes, 30 de novembro, no MIHL. Unha xornada “tremendamente simbólica para a cidade” na que tamén se conmemora a declaración da Muralla romana como Patrimonio da Humanidade por parte da Unesco.

Declaración Institucional do Concello de Lugo

No día de hoxe, 25 de novembro, no que conmemoramos o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, o Concello de Lugo quere manifestar a súa máis enérxica repulsa ante a violencia de xénero en todas as formas nas que se manifesta, ben se trate de agresións físicas e psicolóxicas ou de condutas que atentan contra a dignidade da muller provocando a súa discriminación. Constatamos con pesar a persistencia dunha lacra que é estrutural e que afecta á sociedade de forma xeneralizada.

A desigualdade entre homes e mulleres nas relacións de poder segue viva a pesar dos esforzos realizados no marco dos pactos institucionais ao longo das últimas décadas, polo que debemos manternos nun estado de alerta permanente ante os riscos, reais, de que se limiten dereitos á cidadanía, afectando especialmente ás mulleres. Necesítase unidade e firmeza contra os que negan unha realidade como é a existencia dunha violencia contra as mulleres só por ser mulleres.

A violencia machista, que non respecta barreiras de idade, raza, cultura nin situación económica, supón unha violación cotiá dos dereitos humanos. As cifras de mortes en España resultan sen dúbida intolerables: 1.117 mulleres e 44 nenas e nenos asasinados desde o 2003, 66 en Galicia, comunidade na que só no primeiro trimestre deste ano contabilizou 1.434 denuncias.

Estas cifras fannos cuestionar a nosa capacidade de funcionamento como sociedade “desenvolvida e civilizada”.

A crueldade extrema da violencia vicaria dentro das múltiples violencias de xénero fainos dubidar mesmo da natureza ética e moral do ser humano e da posibilidade dunha orde social xusta.

Ao lado do horror explícito destas realidades, queremos subliñar a gravidade do feito de que existan outras moitas formas de violencia machista invisibilizadas e mesmo normalizadas. Somos conscientes de que non hai instrumento lexislativo tan potente como para acabar co que non se detecta ou co que se ten asimilado coma un feito natural.

Coas novas canles de comunicación e socialización, por outra banda, xurden tamén novas formas de violencia, en concreto a ciberviolencia, que tanto dano está a facer con especial dureza na nosa mocidade. Non podemos baixar a garda e cómpre afondar neste eido para evitar retrocesos nos logros adquiridos ata agora na igualdade entre homes e mulleres. Cómpre que a abordaxe ao problema que se faga desde as institucións pase pola educación nos valores de respecto e igualdade nas familias, como sociedade e dentro das aulas, pero tamén pola atenta vixilancia do ocio que consumen as e os máis novos.

Porén, no día de hoxe recoñecemos que, debido a que o camiño que queda por percorrer en materia de igualdade de xénero é aínda longo, é clave acadar o consenso das forzas políticas nas distintas institucións na loita pola igualdade, co compromiso de traballar xuntos para conseguila deixando aparte diferenzas ideolóxicas e matices nas percepcións particulares. Somos as institucións as que, a título colectivo e individual de cada unha das persoas que as integramos, as que primeiro debemos dar exemplo nesta loita contra todas as violencias machistas.

Xunto coa expresión da nosa máis fonda dor pola situación que sofren tantas mulleres vítimas e as súas familias, manifestamos o compromiso de traballar por un Lugo libre de violencias machistas.

Multimedia

  • A Corporación local rexeita sen fisuras a violencia contra a muller

Noticias relacionadas