A Corporación celebra co Breogán a Copa Princesa

Mércores, 07 de febreiro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Corporación celebra co Breogán a Copa Princesa

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, presidiu este mércores no Salón de Plenos o acto de recepción institucional que a Corporación municipal, en representación de toda a cidade, lle ofreceu ao Cafés Candelas Breogán para celebrar a Copa Princesa que o equipo gañou esta fin de semana. Asistiron o presidente do club, Jesús Lázare, o corpo técnico, co adestrador Natxo Lezcano á cabeza, e os xogadores, aos que a rexedora deu os parabéns en nome propio, de toda a Corporación e de toda a cidade, por este trofeo, a segunda Copa Princesa que gaña o Breo, a primeira xogando a final en Lugo, tras a de 2008 (naquel momento Copa Príncipe).

Lara Méndez subliñou o orgullo de Lugo por contar cun club de primeiro nivel que cada ano acada novas cotas de éxito, pois, a maiores da Copa Princesa, o equipo está a ter unha gran traxectoria na Liga, que a Alcaldesa espera que culmine nun ascenso. Neste senso, desexou sorte para o partido que disputan o venres en Cáceres.

A rexedora puxo en valor a contribución do Breogán á promoción dos valores do deporte na sociedade lucense, sobre todo entre os nenos e nenas, e agradeceu que o Club leve o nome de Lugo sempre con orgullo alá a onde vai. “Grazas por facer cidade”, subliñou Méndez.

Audio

Noticias relacionadas