A convocatoria de subvencións do Concello para pasar a ITE está aberta ata o 13 de decembro

Martes, 07 de decembro de 2010
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo ten aberta ata o día 13 de decembro a convocatoria de subvencións para axudar a facer a inspección técnica de edificios ós veciños que teñan menos recursos económicos.

Poderán acceder a esta subvención todos os veciños que teñan a obriga de pasar a ITE este ano e que conten cuns ingresos inferiores a 13.299,30 euros. O importe das axudas que concede o Concello pode chegar ata o 75% do custo do devandito informe, tendo en conta o máximo dos honorarios establecidos no convenio que asinou a institución cos colexios de Arquitectos e Aparelladores.

As axudas daranse a todas as persoas con recursos escasos que pasen a inspección técnica de edificios no período voluntario, é dicir antes do 31 de decembro. Antes desa data están obrigados a pasar a ITE todos os edificios que foran construídos con anterioridade a 1951.

O Concello adica unha partida de 30.000 euros a estas subvencións das que se poderán beneficiar os veciños con poucos recursos e que non sexan propietarios de máis dun inmoble. As persoas que cumpran estes requisitos e que xa pasaran a ITE ou a teñan encargada para facela antes do 31 de decembro poderán solicitar a axuda.

Nas bases da convocatoria dáselles prioridade as persoas discapacitadas ou que teñan algún discapacitado ó seu cargo, e a maiores de 65 anos, en segundo lugar ás familias numerosas, a continuación a familias monoparentais que teñan fillos ó seu cargo e despois ós que ganen menos de 1,5 do IPREM.

Na presentación da convocatoria destas subvencións, a Delegada de Urbanismo, María Novo sinalou que o Concello considera que a partida de 30.000 euros habilitada para esta liña de subvencións será dabondo pero se non chegase logo de atender as peticións que se atopen nas situacións ás que se lles dá prioridade, “o diñeiro restante prorratearase de xeito que garantimos que todos os veciños con recursos escasos recibirán axuda municipal para facer a inspección”.

Solicitude e bases: sección Tramita na túa casa

Noticias relacionadas