Convocado o terceiro concurso 'Imaxes con Fondo', que premiará as mellores fotos e vídeos sobre interculturalidade

As imaxes e audiovisuais poden presentarse ata o 15 de outubro en imaxesconfondo@gmail.com

Xoves, 23 de xuño de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, do que forma parte o Concello de Lugo, ten convocado o terceiro concurso Imaxes con Fondo, que atendendo ao actual contexto internacional, marcado polas migracións e o desprazamento de persoas refuxiadas, convida a reflexionar sobre a interculturalidade, a través de fotos, e este ano e por primeira vez, de vídeos.

O concurso está aberto a persoas de calquera nacionalidade residentes en Galicia e  maiores de 14 anos, que poderán presentarse nunha das dúas seccións, cun máximo de tres obras inéditas, que deberán ir acompañadas dun título significativo. Cada sección ten dúas categorías, xuvenil, dos 14 aos 17 anos, e adultos, dos 18 anos en diante. Todos os interesados poden presentar as súas obras fotográficas ou audiovisuais ata o 15 de outubro. Para elo, as creacións deberanse enviar a imaxesconfondo@gmail.com, e deberán pór en valor a mestura entre nacionalidades, etnias ou culturas, denunciar a discriminación entre culturas, promover o respecto á diversidade e ao diálogo, desmontar estereotipos, amosar a acollida de refuxiados ou amosar accións reivindicativas a prol das persoas migrantes, entre outras posibilidades. Unha vez pechado o prazo, a cidadanía poderá votar as fotos e vídeos a través do perfil do Fondo de Facebook. Un experto seleccionará os gañadores de entre os 15 máis votados de cada sección e categoría.  

Establécense tres premios por categoría, en cada unha das seccións. Para a categoría xuvenil, un primeiro premio que consiste nunha cámara de fotos, un segundo, dunha cesta de produtos de comercio xusto, e un terceiro formado por un lote de películas de temática social. Para os adultos, o Fondo Galego establece unha viaxe a Mozambique como primeiro premio, e unha cesta de produtos e un lote de películas, como segundo e terceiro, respectivamente.

Os intereseados poden obter máis información en www.fondogalego.org, a través do enderezo electrónico imaxesconfondo@gmail.con ou no teléfono 986-843-436.

Noticias relacionadas