Convocado o 12º Concurso de Ferretes do Entroido, que repartirá 500€ entre as mellores coplas

O certame, organizado pola asociación Pepe Barreiro e o Concello, terá lugar o 10 de febreiro. Os interesados en participar poden entregar as composicións ata o día 4 na área municipal de Cultura

Martes, 12 de xaneiro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A asociación Pepe Barreiro en colaboración coa Concellería de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua organiza a duodécima edición do Concurso de Ferretes con motivo da celebración do próximo Enterro da Sardiña o día 10 de febreiro.
O ferrete é unha forma de chamar ironicamente ás coplas que se recitan diante do Concello, ao finalizar o Enterro da Sardiña. Están conformadas por estrofas en verso e o contido das mesmas debe ter unha boa carga crítica, sobre todo da actualidade local, provincial ou galega, sempre dentro do respecto e a corrección.

Estas pequenas coplas satíricas constarán de varias estrofas e dun retrouso que se irá repetindo entre estrofa e estrofa. Tanto o retrouso como as estrofas constarán de 4 versos octosílabos. Calquera cidadán ou cidadá pode participar entregando o seu traballo, baixo pseudónimo, antes das 14.00 horas do día 4 de febreiro, nun sobre dirixido á asociación Pepe Barreiro, na delegación municipal de Cultura.

Nesta ocasión, e segundo a tradición, repartiranse un total de 500 euros en premios. Corresponderán 150 ao mellor retrouso, 100 ao primeiro premio en ferretes, 50 ao segundo, 30 ao terceiro e ademais repartiranse 17 premios de 10 euros cada un.

Máis info

Noticias relacionadas