Convocadas as axudas destinadas a asociacións veciñais, profesionais, educativas e de medio ambiente por 45.500 euros

Todos os interesados poderán presentar as súas solicitades no Rexistro Xeral do Concello no prazo de quince días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación destas bases no Diario Oficial de Galicia

Mércores, 19 de outubro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Xunta de Goberno aprobou este mércores a convocatoria dunha liña de axudas de 45.500 euros destinadas a asociacións de carácter veciñal, profesional, educativas e de medio ambiente, co fin de contribuír a que as asociacións desenvolvan programas e actividades de interese xeral. Así o deu a coñecer o voceiro municipal, Miguel Fernández, quen explicou algúns dos criterios de valoración para a concesión das subvencións, que será en réxime de concorrencia competitiva e cuxo importe máximo por colectivo é de 3.000 euros. Valorarase, por exemplo, a porcentaxe de mulleres na directiva como mínimo ao 50% e que a entidade conte cunha vogalía ou departamento de muller ou igualdade, así como que desenvolvan actividades coa finalidade de promoción e fomento do Camiño Primitivo, dinamizar a Praza e o Mercado de Abastos, fomentar a educación cívica e o voluntariado, ademais de celebrar proxectos na zona rural do Concello.

Serán subvencionables os gastos correntes necesarios para o desenvolvemento da actividade tales como, alugamentos, gastos de transporte, gastos de pequena reparación, mantemento e conservación de bens propios ou alugados, adquisición de material non inventariable, subministracións, vestiario, produtos alimenticios, sanitarios, prestación de servizos culturais e outros gastos diversos como publicidade. Tamén serán subvencionables os gastos de persoal contratados polas asociacións para o seu normal funcionamento ata un máximo dun 30%. A data límite para xustificar a subvención concedida será a do 28 de febreiro de 2017.

Quedan excluídas desta convocatoria as asociacións ou entidades que durante o exercicio 2016 perciban outra subvención municipal para o desenvolvemento do mesmo ou diferente programa, a excepción das axudas para a celebración das festas do Lume Novo nos barrios e parroquias do municipio de Lugo para o ano 2016, que serán compatibles con estas subvencións.

Todos as asociacións interesadas nestas liñas de axuda, que deberán estar legalmente constituídas e domiciliadas no municipio de Lugo, poderán presentar as súas solicitudes no Rexistro Xeral do Concello no prazo de quince días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación destas bases no Diario Oficial de Galicia. Estas tamén se publicarán no Boletín Oficial da Provincia, no Taboleiro de Anuncios Municipal e na páxina web do Concello.

Audio

  • Miguel Fernández, sobre as axudas destinadas ás asociacións veciñais|Descargar mp3

Noticias relacionadas