A contratación as obras de mellora da accesibilidade no entorno do centro de saúde de San Roque

O Goberno responde ás peticións da veciñanza e os usuarios do ambulatorio e avanza no seu modelo de cidade accesible cun proxecto financiado a través do Plan de Barrios

As obras, cun prazo de execución de 6 semanas, consisten no cambio das baldosas actuais por unhas de maior adherencia, a colocación de varandas en 8 tramos da rúa Ramón Montenegro, Carril do Xuízo e Pena Anda, o pintado de dous novos pasos de peóns e a reparación da sinalización horizontal da zona

Mércores, 11 de xullo de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo sacou a contratación as obras de mellora da accesibilidade no entorno do centro de saúde de San Roque, unhas actuacións financiadas a través do Plan de Barrios coas que o Goberno responde a unha demanda da veciñanza e dos usuarios do ambulatorio, uns 300 diarios, e avanza no seu modelo de cidade accesible. Na actualidade, está aberto o prazo para que as empresas presenten ofertas, que a Mesa de Contratación abrirá o vindeiro día 23. Unha vez adxudicado o proxecto, o prazo de execución será de 6 semanas.

As obras, que a Alcaldesa, Lara Méndez, presentou aos veciños e veciñas de San Roque a finais de xuño, teñen un orzamento de 35.000€ e consisten no cambio das baldosas actuais por unhas de maior adherencia, a colocación de varandas galvanizadas en cor azul en oito tramos da rúa Ramón Montenegro, Carril do Xuízo e rúa Pena Anda e o pintado de dous novos pasos de peóns, no cruce entre as dúas últimas rúas. A maiores, tamén se repasará a sinalización horizontal da zona.

Noticias relacionadas