Continúan as xuntanzas dos grupos políticos para analizar o Plan Xeral

Luns, 12 de novembro de 2007
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O traballo de plasmación dos cambios no plan non retrasará a aprobación definitiva pola Xunta de Galicia

O Concelleiro de Urbanismo, Francisco Fernández Liñares informou sobre a nova xuntanza mantida co equipo redactor do Plan Xeral de Ordenación Municipal e os representantes dos grupos políticos con representación municipal.

Fernández Liñares dixo que nesta reunión repasaron conceptos previos xa vistos noutras xuntanzas e centraron as primeiras horas na análise dos barrios das Gándaras e Feixóo.

No referente ó barrio Feixóo o edil destacou que a Xunta de Galicia decidiu que sexa solo urbanizable non consolidado, “hai que obter dotacións públicas e hai zonas non edificadas”. Este punto foi aceptado por unanimidade polos tres grupos. Outro acordo para esta zona, foi “eximir o 10% do aproveitamento urbanístico municipal para facilitar máis a xestión”.

Gándaras
Fernández Liñares tamén explicou que no referente ó barrio das Gándaras ante a proposta inicial das redactoras da construción dunha avenida ancha, plantexaron dúas alternativas, unha ó oeste da calzada, dende a terceira Ronda ata Ponte Romai, e outra no leste dende o norte do Hospital cruzando Galegos, a Avenida Carlos Azcárraga e o coñecido como urbanizable de Burozos. O problema de pendente neste caso, segundo explicou o Concelleiro, pódese solucionar “as redactoras din que é sinxelo que a pendente non supere o 6 ou 7% nesta vía”.

Outro acordo ten que ver coas dotacións deportivas. No contorno do Parque Empresarial das Gándaras construirase unha zona deportiva de 300.000 metros cadrados e novas dotacións públicas “na zona norte da cidade haberá un extraordinario desenvolvemento deportivo”.
Aprobación definitiva en prazo
Fernández Liñares explicou que cando rematen as xuntanzas coa oposición -previsiblemente esta será a última- as redactoras deberán plasmar os cambios e a normativa no Plan .O Concelleiro aclarou que, se non da tempo a levar o documento para a aprobación provisional ó Pleno do 5 de novembro, levarase posteriormente a un Pleno Extraordinario. Aínda así, isto non afecta ós prazos de aprobación do documento definitivo por parte da Xunta de Galicia, que está previsto que sexa no mes de febreiro.

Noticias relacionadas