Continúa Tecnoloxíza-T! con obradoiros de iniciación á informática e uso de smartphones

Trinta persoas, que cubriron a totalidade das prazas dispoñibles, participan en ambas actividades, que se imparten no Edificio de Novas Tecnoloxías

Luns, 29 de maio de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Continúa Tecnoloxíza-T! con obradoiros de iniciación á informática e uso de smartphones

Tras a inauguración da actividade formativa do Edificio de Novas Tecnoloxías cunha concorrida master class sobre fotografía artística dixital o pasado sábado, a programación gratuíta Tecnoloxíza-T!, organizada pola Concellería de Concello e Cidadanía, continuou este luns con dous novos obradoiros, un de iniciación á informática, que se impartirá ata 9 de xuño, de 16:00 a 18:00 horas, e outro de utilización de smartphones, que seguirá ata o vindeiro venres, 2 de xuño, de 18:30 a 20:30 horas. Para estes novos cursos cubríronse a totalidade das prazas dispoñibles, polo que participan 30 persoas.

A programación de actividades no novo espazo TIC do Concello inclúe 10 obradoiros con 150 prazas gratuítas para todas as idades. Xunto aos obradoiros de iniciación á informática e utilización de smartphones, ofrécense os seguintes cursos: trámites electrónicos coa administración, iniciación á informática, utilización de smartphones, internet segura para tod@s, posicionamiento web e seo, redes sociais, retoque fotográfico co teu smartphone, compra on line, venda on line e creación de aplicacións móbiles. Toda a información sobre o programa, en www.lugo.gal

A iniciativa tivo unha gran acollida, pois en menos de dez días cubríronse as prazas da maioría dos obradoiros, polo que os interesados deben dirixirse canto antes ao Edificio de Novas Tecnoloxías, aberto en horario de luns a sábado, de 10:00 a 13:00 horas, e de 16:00 a 21:00 horas. A inscrición realizarase ata as 20:00 horas do xoves anterior ao inicio de cada curso.

Os menores de idade deberán contar coa autorización dun titor legal. Cada persoa só se poderá inscribir en dous cursos. Só no caso de que queden prazas libres se poderá admitir a inscrición en máis de dous obradoiros. O acceso aos cursos será por sorteo, que se realizará ás 11:00 horas do día seguinte ao peche da inscrición. A lista de persoas admitidas poderase consultar na páxina web do Concello, www.lugo.gal, no propio centro, ou a través do 010. Será necesario asistir a un 80% das horas para poder recibir o diploma.

Noticias relacionadas