Continúa o ciclo de cine xuvenil sobre Muller e Interculturalidade coa proxección de A voda do monzón

Venres, 04 de abril de 2008
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Este venres, 4 de abril, continúa o ciclo de cine xuvenil “Muller e interculturalidade” organizado polo Servizo Municipal de Prevención de Drogodependencias para ofrecer á xuventude lucense unha actividade de lecer alternativa e gratuíta. Todos os venres, ata o 27 de xuño, proxectarase unha película no Centro Social Municipal Uxío Novoneyra a partir das 22:00 horas.

Nesta ocasión proxectarase a película A voda do Monzón. Conta cinco historias interconectadas que exploran os distintos aspectos do amor e cruzan as fronteiras xeográficas, sociais e morais. É unha celebración da India contemporánea como nunca se viu antes no cine.

A directora Mira Nair e a guionista Sabrina Dhawan retratan a sociedade actual de Delhi onde todo mestúrase: o antigo co moderno e a inocencia co sexo. O estilo intimista introduce ao espectador na vida dos personaxes e na cultura punjabí de Nair, unha cultura robusta, directa e chea de vida. O público verase arrastrado dentro dunha bacanal de comida e música, elementos esenciais dunha voda no Estado de Punxab.

Durante os frenéticos preparativos da voda saen a relucir as esperanzas, os temores e os segredos máis escondidos da familia. As imaxes cegadoras da cidade de Delhi e a calor implacable reflicten a crecente intensidade da historia e cando por fin chega a choiva a catarse trae consigo o romance, o descubrimento e a liberación.

Outros títulos que se proxectarán ao longo deste ciclo son El principio de Arquímides, Solas, Os amantes do Círculo Polar, ou O tren da memoria entre outros, todas películas de recoñecido prestixio e gran calidade cinematográfica.

Noticias relacionadas