Continúa este sábado a campaña O noso Mercado é un agasallo, organizada pola área de Participación

Todas as persoas que realicen compras por máis de 40 euros na Praza e no Mercado recibirán un agasallo

A campaña ten lugar o primeiro e o terceiro sábado de cada mes

Sábado, 03 de abril de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Continúa este sábado a campaña O noso Mercado é un agasallo, organizada pola área de Participación

A concelleira de Participación e Servizos á veciñanza, Cristina López, lembrou que este sábado continúa a campaña O noso Mercado é un agasallo na Praza de Abastos e no Mercado Municipal. Cristina López explicou que “esta promoción tivo unha gran acollida na campaña de Nadal do ano 2020, e seguimos a traballar nela para promocionar as compras na Praza de Abastos e o Mercado Municipal, achegando estas instalacións e os productos que se poden atopar nelas a toda a veciñanza”.

A campaña Este Mercado é un agasallo ten lugar o primeiro e o terceiro sábado de cada mes. Cristina López explicou que “durante as mañás dos días de promoción, as persoas que fagan compras cun importe superior a 40€ nos distintos postos da Praza e do Mercado poderán achegarse ao posto habilitado cos seus tiques de compra para recibir un agasallo”.

Cristina López afirmou que “na Praza e no Mercado atopamos produtos de calidade, ao mesmo tempo que recibimos a atención persoal das e dos distintos profesionais de cada posto ”. A edil de Participación destacou a importancia do comercio local, “que demostrou a súa importancia durante a crise sanitaria”, e afirmou que “neste momento é máis importante que nunca colaborar na reactivación económica e social, para o que o pequeno comercio se volve imprescindible”.

Noticias relacionadas