Continúa a campaña de colaboración cidadá Aparca con xeito!, que intensificará a vixilancia estas semanas no aparcamento en dobre fila

Trátase da terceira fase da campaña coa que o Goberno busca sensibilizar á cidadanía ao tempo que se vela polo cumprimento da normativa de circulación

Rematará o 26 de marzo e pretende evitar o mal uso dos carrís de circulación con vehículos estacionados en dobre fila e que dificultan a fluidez do tráfico na cidade

Domingo, 12 de marzo de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Continúa a campaña de colaboración cidadá Aparca con xeito!, posta en marcha polo Goberno co obxectivo de sensibilizar á cidadanía ao tempo que se vela polo cumprimento da normativa de circulación. Deste xeito, e tras incidir no carril e paradas de bus, así como nas zonas de carga e descarga, dende mañá luns, 13 de marzo, e ao longo de 15 días, intensificará a vixilancia e control naqueles vehículos que estean estacionados en dobre fila, para evitar o mal uso destes dos carrís de circulación, xa que dificultan a fluidez do tráfico na cidade. Rematará o 26 de marzo.

Esta campaña contempla 5 fases, de quince días de control de estacionamento, ata o 7 de maio. Ademais do carril e paradas do bus, as zonas de carga e descarga, ou o estacionamento en dobre fila, a Policía Local incidirá e intensificará a vixilancia no relacionado ao aparcamento en beirarrúas e en prazas de mobilidade reducida.

Tras o control dos aparcamentos en dobre fila, a cuarta fase, que se desenvolverá do 27 de marzo ao 9 de abril, incidirá no estacionamento nas beirarrúas, co propósito de que os peóns en xeral, e especialmente as persoas con problemas de mobilidade, poidan transitar polos espazos destinados a camiñar. Por último, a quinta refírese ao estacionamento en prazas destinadas a persoas de mobilidade reducida e ao control das tarxetas que acreditan a unha persoa para estacionar nesta zona. Nesta liña incidirá a Policía Local do 24 de abril ao 7 de maio.

Así mesmo tamén haberá unha campaña de control de excrementos de animais na vía pública para concienciar e implicar á veciñanza na limpeza do municipio. Dita campaña terá lugar do 10 ao 23 de abril.

Noticias relacionadas