Continúa aberto o prazo para participar nos certames de Deseño Gráfico e Fotografía promovidos dende a área de Xuventude

Os concursos, para concienciar contra a violencia de xénero, terán un premio de 600 euros para o gañador ou gañadora e os deseños serán utilizados pola Casa da Muller como imaxe dalgunha das súas vindeiras campañas

Venres, 14 de febreiro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Continúa aberto o prazo para participar no concurso de Deseño Gráfico contra a Violencia de Xénero e no VIII Certame de fotografía Revelando o machismo promovidos dende a área de Xuventude para concienciar na loita pola igualdade real entre mulleres e homes.

Convocatorias ás que poderán concorrer cantos autores e autoras o desexen e nas que a edil Ana González Abelleira anima a participar.

“Na de deseño gráfico, os traballos de tamaño e técnica libre, deberán ser presentados en soporte ríxido  para facilitar a súa posible exposición. Sendo requisito indispensable que figuren os logotipos do Concello e da Casa da Muller xa que será esta quen o empregue como imaxe das futuras campañas que desenvolva”, explicou a concelleira ao tempo que sinalou que “se valorará, específicamente que os deseños contribúan á prevención da violencia de xénero, especialmente nas persoas novas, destacando valores positivos como o bo trato na parella”.

Pola súa banda, no certame de fotografía, as imaxes deberán ter un tamaño de 20x30 centímetros como mínimo e 40x50 centímetros como máximo e será obrigatorio presentalas sobre cartolina branca ou cartón ríxido de 50x70 centímetros, cuxo grosor non exceda de 1,5 centímetros. Admitiranse traballos tanto en branco e negro como en cor e o soporte de presentación das mesmas será en papel tradicional, analóxico ou químico.

“As obras terán que ser presentadas, baixo lema, de maneira anónima, e ir acompañadas doutro sobre adxunto, pechado e co mesmo lema, onde se indiquen os datos identificativos da persoa participante, tendo como prazo máximo para entregalas ata as 13 horas do próximo 19 de febreiro, na Casa da Muller”, conluíu Ana Gónzalez que subliñou que o primeiro premio para ambos concursos é de 600 euros.

Para máis información, os datos dámbalas dúas convocatorias poden consultarse na páxina web www.lugo.gal, na Casa da Muller, no teléfono 982.29.74.12 e no enderezo electrónico cmuller@concellodelugo.org.

Audio

  • A edil Ana González Abelleira, sobre os eventos promovidos | Descargar mp3

Máis info

  • Folleto do "Concurso de Deseño Gráfico contra a Violencia de Xénero" | Descargar pdf
  • Folleto do "VIII Certame de fotografía Revelando o machismo"  | Descargar pdf

Noticias relacionadas