Continúa aberto o prazo de presentación de ofertas para instalar as casetas do polbo no San Froilán

Os interesados poden presentar as súas propostas na Oficina de Rexistro do Concello ou por correo postal

Xoves, 23 de xullo de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo mantén aberto o prazo de presentación de ofertas para instalar casetas e caldeiros do polbo durante as Festas do San Froilán. Os interesados poden presentar as súas propostas, ben na Oficina de Rexistro do Concello ou por correo postal.

 Polo acordo da Xunta de Goberno Local do pasado 15 de xullo, aprobáronse as bases técnicas, o prego de cláusulas administrativas particulares, así como o procedemento aberto de adxudicación para a autorización da instalación de casetas e caldeiros do polbo durante as festas do San Froilán 2015. Haberá catro casetas, en vez de cinco, como o ano pasado, polo que quedará máis espazo libre no entorno do Parque de Rosalía para poder aparcar ou para o propio funcionamento das casetas. 

Por medio do anuncio, que foi publicado o xoves pasado no Boletín Oficial da Provincia, deuse a coñecer a licitación e a data límite de presentación de ofertas, que será de trinta días hábiles contados dende a súa publicación. 

Os prezos de saída para as casetas son os seguintes: 18.400 euros, para a número 1; 17.200 euros, para a 2; 16.100 euros, para a 3; e 15.000 euros, para 4. En canto aos dos caldeiros: 11.500 euros para o número 1; 10.300 euros para o 2; 9.200 euros para o 3; e 8.200, para o 4. Os prezos establecéronse en función da proximidade ao recinto feiral. Todos os postos deberán ter visibles os prezos.

A obtención de documentación e información pode facerse no Servizo de Contratación, Patrimonio e Fomento, sito na Ronda da Muralla, 197; ou na páxina web www.lugo.gal

Noticias relacionadas