Conta atrás para a visita dos Reis Magos a Lugo

Melchor, Gaspar e Baltasar, subidos en 3 carrozas, xunto cos seus pequenos paxes, partirán ás 18:15 horas do Parque da Milagrosa, e rematarán na Casa Consitorial. Irán acompañados de unicornios, robots luminosos e música

A Alcaldesa dará a benvida á cidade ás Maxestades de Oriente, que repartirán máis de 3.000 paquetes de lambetadas aos nenos e nenas

Xoves, 04 de xaneiro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Conta atrás para a visita dos Reis Magos a Lugo

Lugo xa conta atrás para recibir a visita de Melchor, Gaspar e Baltasar na tradiconal Cabalgata de Reis, que partirá mañá venres, 5 de decembro, ás 18:15 horas do Parque da Milagrosa. As Maxestades de Oriente, subidas en 3 carrozas, xunto cos seus pequenos paxes, e acompañados de unincornios ou robots luminosos, entre outras sorpresas, percorrerán a rúa Monte Faro, a Avenida da Coruña, a Ronda da Muralla, Praza de Ferrol, rúa Bolaño Rivadeneira, rúa Quiroga Ballesteros, Praza de Santo Domingo, rúa da Raíña e Praza Maior. A chegada está prevista a partir das 19:00 horas para recibir a todos os nenos e nenas, aos que a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, convidou a gozar con esta comitiva, formada por ao redor de 300 persoas, entre figurantes e artistas, membros da organización, axentes da Policía Local, voluntarios de Protección Civil e os profesionais do Parque de Bombeiros de Lugo, que velarán pola seguridades dos lucenses e visitantes na tarde máis máxica e chea de ilusión do ano.

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, será a encargada de dar a benvida aos Reis Magos na súa visita á cidade, diante da Casa Consitorial. Posteriormente, as Maxestades de Oriente saudarán aos presentes dende o balcón e atenderán un por un aos pequenos e pequenas que queiran transladarlles as súas peticións.

Neste encontro repartiranse máis de 2.000 quilos de caramelos, todos eles sen gluten. Así mesmo, os Reis Magos agasallarán aos máis cativos con 3.000 paquetes de lambetadas, dos que haberá unha partida especial para diabéticos.

A xornada, coa que colabora Coca-Cola, Abanca, Gadis, Caixa Madrid, Óptica De La Torre, o Centro Comercial As Termas e Carrefour, estará amenizada por grupos teatrais e musicais de Lugo, entre eles os nenos e nenas que participaron no obradoiro de panxoliñas organizado polo Concello no Vello Cárcere ao longo do Nadal, impartido por Belem Tajes, actual cantante de Luar na Lubre, quen tamén estará presente na actuación.

Audio

Noticias relacionadas