A construción da Pasarela sobre a Nacional VI sae de novo a licitación cun incremento de 125.000 euros con respecto ao orzamento inicial

A Xunta de Goberno autorizaba hoxe a súa contratación logo de que a empresa adxudicataria renunciase polo incremento que experimentou o custo dos materiais de obra mentres a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural non emitía nin comunicaba o seu ditame favorable

Na reunión desta semana aprobáronse ademais dúas addendas ao Convenio do Auditorio para axustar a exención municipal do IBI á Xunta ao investimento real na dotación

Mércores, 04 de decembro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A construción da Pasarela sobre a Nacional VI sae de novo a licitación cun incremento de 125.000 euros con respecto ao orzamento inicial

A contratación da obra para a pasarela peonil sobre a Nacional VI volverá saír a licitación nos próximos días logo de que fora preciso recalcular os custos dos materiais que se empregarán na construción da infraestrutura.

A demora que sufriu o procedemento, motivada polo tempo que tardou a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural en emitir e comunicar o seu informe favorable ao proxecto, provocou a renuncia da primeira concesionaria que alegou que o prezo do aceiro incrementárase considerablemente nos case oito meses que transcorreron dende a adxudicación, en xaneiro de 2019, ata a autorización por parte da Xunta, en maio, e a incorporación do permiso ao expediente, a finais de xullo.

Logo de revisar as cláusulas económicas, a Xunta de Goberno de hoxe procedía a aprobar de novo a contratación da obra por un importe total de 1.113.179’81 euros, 124.814’40€ máis que o presuposto previsto inicialmente (988.365’47€), se ben, condicionado á obtención do resto de autorizacións sectoriais preceptivas dos organismos públicos implicados como pode ser o Ministerio de Fomento.

Cómpre subliñar que a pasarela se enmarca dentro da Estratexia Dusi “Da Muralla ao Miño – Muramiñae” coa cofinanciación do 80% da Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional FEDER.

Outros contratos aprobados

Na reunión desta mañá autorizábase tamén a contratación de varios servizos. Por unha banda o de impresión, personalización, ensobrado e loxística dos recibos non domiciliados que o Concello envía aos contribuíntes, excluíndo os que manda polos seus propios medios ou baixo algún convenio con distintos organismos. A adxudicación, que terá un importe total de 42.122’52 euros (IVE incluído), sae concurso por dous anos, prorrogable, en períodos anuais, por outros dous.

Ademais o executivo local daba o visto bo á contratación das transcricións das intervencións producidas nas sesións celebradas durante o Pleno e as Comisións.

O portavoz socialista, Miguel Fernández, explicaba que “a confección de actas e acordos é unha das moitas funcións administrativas propias do Concello, encadradas dentro das de fe pública que lle corresponde á Secretaría Xeral do Concello. A imposibilidade de levalo a cabo polos traballadores adscritos a esta Dependencia, dada a súa escaseza e a duración das sesións, son as razóns que motivaron a necesidade de acudir a medios externos para este labor”.

A gravación das intervencións levarase a cabo por persoal do Servizo de Informática municipal que será, así mesmo, o encargado de remitir este material á empresa adxudicataria para que proceda á súa transcrición nos prazos establecidos e posterior remisión desta ao Concello. O contrato dun ano, prorrogable por outro, ten un valor estimado de 26.020 euros (IVE excluído).

Asemade déuselle continuidade, a través dunha prórroga, ao servizo de prevención e control da lexionelose por un ano e por importe de 35.090 euros (IVE incluído).

Reaxustes ao Convenio do Auditorio

Do mesmo xeito, na Xunta de hoxe foron aprobadas dúas addendas ao Convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Concello de Lugo para axustar a exención do IBI á administración autonómica aos custos finais do equipamento técnico do novo Auditorio, diminuíndo a rebaixa fiscal prevista para esta anualidade en 743.099’24 euros.

Autorizáronse catro licenzas urbanísticas e denegáronse outras dúas

Por outra parte, na reunión desta semana foron outorgadas catro licenzas urbanísticas. Unha delas para a reforma dunha edificación unifamiliar na rúa San Eufrasio, por importe de 80.143’28 euros e un prazo de 30 meses de execución; outra para a legalización de varias obras de ampliación nunha vivenda de Orbazai, por valor de 14.310’82 euros e outra para a demolición de dous cobertizos no núcleo rural tradicional de Astaríz, O Veral, cun presuposto de 4.375’65€. A última atinxe a unha intervención na rúa do Carme número 6, por motivos de seguridade, que consiste no desmontaxe da cuberta, dos tabiques da escaleira e dos forxados de madeira, conservando as vigas, e a retirada de vidros e elementos soltos da fachada con recuperación de material e posterior montaxe da parte vista da medianeira existente entre os inmobles número 6 e 8 da mesma vía, que conta coa resolución favorable da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural e cun presuposto de 7.211’33 euros. Os promotores disporán dun prazo de execución de 12 meses.

Audio

  • Miguel Fernández, sobre a construción da Pasarela sobre a Nacional VII | Descargar mp3

Multimedia

  • A construción da Pasarela sobre a Nacional VI sae de novo a licitación cun incremento de 125.000 euros con respecto ao orzamento inicial

Noticias relacionadas