A Conselleira de Medio Ambiente asume a necesidade que lle trasladou a Alcaldesa de dotar do equipamento preciso ao auditorio

A Xunta pedirá varias propostas para determinar as dotacións que faltan na infraestrutura cultural e o seu custe co obxectivo de que poida abrir ao público a pleno rendemento

Luns, 07 de marzo de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Conselleira de Medio Ambiente asume a necesidade que lle trasladou a Alcaldesa de dotar do equipamento preciso ao auditorio

De cordial e fructífera cualificou a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, a reunión de traballo que vén de manter na tarde deste luns en Santiago de Compostela coa Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, na que abordaron o proxecto do novo auditorio e a dotación de  equipamento ao mesmo, unha vez que as obras de construcción da infraestrutura, situada na Avenida de Magoi, están na recta final.

A xuntanza foi solicitada pola rexedora lucense, que lle trasladou á Conselleira a necesidade de dotar ao novo auditorio de todos os elementos e equipos precisos para que sirva ao fin para o que foi deseñado, un extremo co que a Conselleira concordou e que asumiu. Deste xeito, o acordo ao que chegaron Lara Méndez e Beatriz Mato foi que a Xunta solicite varias propostas para un proxecto de equipamento, algo ao que procederá de inmediato, co obxectivo de determinar exactamente as dotacións que faltan no auditorio e cal é seu custe, para que poida abrir ao público funcionando a pleno rendemento. Unha vez determinada a mellor opción, estudaranse a posibilidades de financiamento.

A Alcaldesa confía en que teña continuidade esta primeira reunión de traballo coa Conselleira de Medio Ambiente, enmarcada “na debida cooperación institucional entre administracións para sacar adiante unha infraestrutura cultural que marcará un antes e un despois na vida cultural, social e de lecer da cidade”.

Noticias relacionadas